Galiza está que ferve
E é que o goberno unipartito de Feijóo, que chegou ó poder sen ningunha proposta (as poucas que tiñan xa as incumpriron, como a da austeridade), está a actuar sobre a marcha, e colleuna coa lingua de noso, o galego. E pouco teño que engadir ó que se escribiu nestas últimas semanas por parte de xornalistas, blogueiros, asociacións ou colectivos.
Primeiramente farei un resumo da situación: o conselleiro de educación, Jesús Vázquez, ten a intención de elimina-lo decreto do galego, e para ilo ocorréuselle mandar unha enquisa ós pais dos que teñen fillos na actualidade no sistema educativo (porque non ós que os van ter o ano que vén?), para enceta-lo seu novo plan, que xa conta coa oposición frontal de BNG e PSOE (de aprobarse, pois, sería outra promesa incumprida do señor Feijóo). Ademais da absoluta ilegalidade que conleva este feito, asaltan ducias de dúbidas: os pais de tres fillos poden votar tres veces ou o seu voto conta 3 veces máis cós dos que teñen un? Que seguridade hai de que o inquérito, nun papel sen ningún tipo seguridade, sen censos, sen recontos, non sexa manipulado? Calquera podería elimina-los papeis completados e poñerse a facer unha chea de papeis cos resultados ó seu gusto e presentalos como enviados polos pais. Sería imposible sabelo. A parte diso, para mante-lo nivel de galego que hai na actualidade nas escolas e institutos habería que poñer "a maioría en galego" ou "todo en galego". Salienta-lo científico da enquisa: entre outras opcións a escoller está "unhas [asignaturas] en galego, outras en castelán", si señor, moi científico. Tamén chama a atención que non haxa unha opción que poña "mante-lo decreto actual, aprobado por maioría no Parlamento de Galiza". Tamén ten chiste que a parte escrita en galego conteña erros de ortografía. Ademais, o custe desta enquisa ilegal será de 70 mil euros por día (u-la austeridade?). Todo isto parece coña, desgraciadamente non o é, e para culminalo dende a consellería prohibiuse a información sobre o inquérito nos centros de ensino. Viva a democracia! Confiemos en que, todo este despropósito sexa rexeitado pola xustiza, como en virtude debe ser.
Pero todo isto, serviu de algo, e é que a cidadanía ferve. A manifestación a prol do galego do 17 de maio, foi a meirande manifestación en defensa do galego da Historia, e dende o espírito de Nunca Máis non se via nada semellante. Tamén se pronunciaron a prol do galego estudantes no estranxeiro, cuxo manifesto conta con 217 adhesións, tamén científicos galegos que traballan no CERN, a institución científica máis prestixiosa do mundo, fixeron un manifesto en resposta a unhas declaracións galegófobas do voceiro da Congapa, que dicía que as matemáticas e as químicas non poden darse en galego, por ser un retroceso, debido a que estas asignaturas conteñen moitas nomenclaturas internacionais (como se as nomenclaturas internacionais fosen en castelán!). Pero sigamos: as equipas de normalización lingüística, os sindicatos e diversas organizacións tamén realizaron un manifesto incidindo na ilegalidade da consulta e a vixencia do actual decreto. Tamén o departamento de galego da USC, lanzou o seu manifesto, do mesmo xeito cá Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a Nova Escola Galega, ILG, RAG, AELG, cidadáns (1), curas, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, así como o seu departamento de Filoloxía galega e latina, o departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña mestres galegos da Universitat Autònoma de Barcelona e mesmo mestres de lingua castelá. Lanzouse tamén un tríptico para informar ós pais, titulado As linguas suman, e escribíronse fermosos artigos coma os de Manuel Rivas ou Henrique Monteagudo en páxinas do xornal El País, ou discursos coma o de Agustín Fernández Paz durante os Premios Xerais. Naceu tamén unha plataforma con vontade plural, denominada ProLingua.
En definitiva, a sociedade galega está en pé de guerra contra o goberno Feijóo. Participemos todos desta pequena revolución.
Máis anotacións de interese: Restar para eliminar, Monolingüismo, La libertad como pretexto, ¡Gracias, Androcles!, Fausto e Mefistófeles, Dúbidas, Cando Flaubert falou de 'merde', Que parezca una decisión democrática, Carta duns pais, Breve dossier sobre os ataques á lingua e á cultura galegas, Que boíños son!, Exasperación galegófoba, Acúsome seriamente.
Este artigo apareceu, en versión algo resumida, n'A Peneira, segunda quincena de xuño.
A Peneira, xaneiro 2009
Chumbo sobre Palestina
Escribiu Mahmoud Darwish, poeta palestino (e dende 2006 Poeta Galego Universal grazas ó premio da AELG) nun poema de seu o desexo para a súa patria en cativerio da liberdade de finar consumida de amor. Desgraciadamente este escritor, considerado o poeta nacional ou poeta da resistencia deixounos o 9 de agosto pasado, e canda el tamén se foi un referente, un símbolo da loita palestina no eido cultural.
Quero tamén salientar, nestes tempos de chumbo, como o foron sempre, a novela gráfica de Joe Sacco titulada “Palestina. En la franja de Gaza”, froito da viaxe do autor a Israel, Cisxordania e mais Gaza durante a Primeira Intifada. Aterrecedora crónica dun pobo asoballado, que foi expulsado dos seus pobos (os cales na súa meirande parte foron destruídos), obrigados a vivir coma refuxiados, condenados a te-lo fillo no cárcere e o irmán morto, a que as súas oliveiras sexan cortadas, a que as súas casas sexan atacadas por colonos, a vivir nun recuncho da súa terra afogada economicamente sen poder saír da súa casa pola despois do toque de queda. Se algún autor intrépido entrara hoxe en territorio palestino, vería o mesmo que Sacco e aínda peor: agora vería un muro en Cisxordania, un bloqueo económico, alimenticio e médico á faixa de Gaza terrible, que a converte nun enorme campo de concentración ó aire libre (de feito é o territorio máis densamente poboado do planeta). E agora, o estado de Israel, cuxos representantes se pasean con total impunidade por Europa, decide bombardear o campo de concentración coas miras ben postas nas eleccións israelís de febreiro, nas que xa foi prohibido que os partidos árabes concurran a elas.
Non quero terminar sen recomenda-lo imprescindible libro “Fin de século en Palestina”, de Miguel-Anxo Murado, marabilloso relato de opresión e abafamento. Aproveitemos este tempo para coñece-los horrores que, mesmo nos libros de ficción son tan dífíciles de acadar.
A Peneira, nadal de 2008
Non vou descubrir nada novo cando digo que estamos en tempos de crise xeral, mais convén recordar que certos grupos sociais, ou certas partes do mundo levan en crise sempre, sen que ninguén erguera especialmente a voz para pór de manifesto a inxustiza do modelo económico capitalista. Por iso penso que é hora de mirar ese cine comprometido que hai anos que se realiza en Europa.
En concreto quero salienta-lo cinema do inglés Ken Loach, un autor que leva décadas cun tipo de cine afouto, reflexivo e combativo. Un tipo de cine no que o espectador atópase cara a cara coa realidade, filmada de xeito insensible, con certo ar documentalístico, un cine, pois, na mellor das tradicións do realismo social británico. Os protagonistas dalgúns dos seus filmes son perdedores, boas persoas esquecidas polos grandes números dos países do primeiro mundo, que loitan por saír adiante, e por elo vense dirixidos cara o emprego precario e pasan a engrosa-las listas dos explotados voluntariamente para gañar uns patacóns. Mais os filmes de Loach non son todo anguria e desesperanza, tamén brilla certo humorismo e intres de verdadeiro sentimento. En concreto a miña preferida de Loach sobre esta temática é “My name is Joe”, que aproveito para recomendarvos.
Pero este cine nin comeza nin remata en Loach, aínda que el sexa un grande expoñente. Unha boa xeira de autores están a relizar un cine crítico. Non hai máis que ve-la carteleira: “Gomorra”, de Matteo Garrone, que trata sobre a mafia e amosa o raigame que ten en tódalas capas da sociedade italiana; “La question humaine”, que reflicte o paralelismo entre o negocio empresarial e o nazismo; “Il Divo”, unha biografía de Giulio Andreotti, destacado persoeiro da política italiana do século XX e máis cine que virá para o 2009, ano no que din que recrudecerá máis a crise. Mesmo Hollywood semella que se apunta... eu xa estou agardando polo retrato que Oliver Stone fixo de George W. Bush en “W”.
Tempos de premios
Tempos de premios
Xa aconteceron os Premios nacionais da Cultura galega, e non andiven desatinado nunha columna anterior, xa que Ferrín recibiu o premio na categoría de Literatura, e se ben non o levou Isaac Díaz Pardo en iniciativa cultural, si recaeu no Laboratorio de Formas, sociedade da que é un dos fundadores. Os demais premiados foron Manuel Gallego Jorreto (arquitectura e espazos públicos), Francisco Leiro (artes visuais), Margarita Ledo (cine e audiovisual), o Museo do Pobo Galego (cultura tradicional e de base), Francisco Díaz-Fierros (pensamento e cultura científica), a remodelación urbana de Pontevedra (patrimonio cultural), Mercedes Peón (música) e Manuel Lourenzo en artes escénicas. Na miña opinión ben repartidos.
Curiosamente outro Manuel Lourenzo, distinto do que recibiu o premio nacional de cultura, gañou o Premio Xerais de novela do 2008, coa obra “O xardín das pedras flotantes”. Este premio, que chegaba á vixésimo quinta edición, é un dos máis prestixiosos da nosa literatura. Xunto a el, na Illa de San Simón, fallouse o Premio Merlín que recaeu en Mar Guerra Cid pola novela “Xenaro e o misterio da mochilota verde” mentres que o Premio Fundación Caixa Galicia caeu na obra “A cabeza de Medusa”, de Marilar Aleixandre. Como vemos estamos en plena época de premios.
Eu mentres tanto asistín á Feira do Libro de Madrid, para que no medio da marea de xente me asinara Manuel Rivas o seu tocho “Os libros arden mal” (obra que recomendo se tedes tempo libre). E semella que ten seguidores en Madrid, xa que fixo unha fileira considerable. Ademais entre os numerosos autores (Eduardo Mendoza, Boris Izaguirre, Francisco Ibáñez, Carlos Ruiz Zafón...) tiven a oportunidade de saudar a Marcos Ana.
En definitiva, semella que coa proximidade do estío abrollan os actos culturais. A disfrutalos!
A situación da lingua
A situación da lingua
Xa estamos en maio, mes das flores, que ten unha data moi importante para a cultura galega: o Día das Letras galegas, que ten neste ano como homenaxeado ó tudense Xosé María Álvarez Blázquez. Mais desta vez quixera tocar un tema non estritamente cultural, mais como dixo Castelao no seu Sempre en Galiza: “Unha língoa é máis que unha obra de arte; é matriz inagotable de obras de arte”.
É por iso que vou falar da nosa lingua, a lingua galega, que está a ser atacada nos últimos tempos por xente organizada que é contraria ó mínimo recoñecemento da lingua propia ou a que o galego deixe de estar ó nivel dos calcaños do castelán na nosa propia terra. E mentres existen estes ataques frontais contra o noso acervo lingüístico e cultural, desta xente que quere facernos monolingües e deixar o galego para o folclore, a nosa lingua perde falantes e unha gran parte da mocidade das grandes cidades xa non se identifica con ela. Non sei as razóns, non son sociólogo, quizais puidera apuntar ós medios de comunicación que fan un labor castelanizador tremendo (subvencionados pola Xunta por usar tres palabras en galego), pero constato a evidencia: mentres a normalización avanza moi peseniñamente pérdense falantes.
E mentres sisudos analizadores pescudan xeitos de mudar a mala situación do galego, e fanse algúns esforzos para normalizalo, a solución témola nós aí diante, e non é demasiado complicada: falalo. Isto axudaranos a coñecer outro mundo, outra Galiza, e vivir os problemas dos galegofalantes no día a día, mais á vez sentirnos máis galegos ca nunca.
Polo momento animo á xente a facer algo que non vai a solucionar nada, máis que axudará a facer saber que xuntos temos forza, asistir á manifestación do 18 de maio ás 12 da mañá na alameda compostelá (hai autobuses gratuítos), que leva por lema Polo dereito a vivirmos en galego. Xuntos amosaremos que non queremos maioritariamente a morte do nosa lingua porque, citando de novo a Castelao, “se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.
Premios Nacionais de Cultura Galega
Premios Nacionais de Cultura Galega
A Consellaría de Cultura vén de convocar os I Premios Nacionais da Cultura Galega, uns premios entregados pola Xunta de Galicia que pretenden galardoar ás persoas ou colectivos que salienten no enriquecemento da nosa cultura. Para ilo creáronse dez categorías: Arquitectura e espazos públicos, Artes visuais, Artes escénicas, Literatura, Música, Patrimonio cultural, Pensamento e cultura científica, Cine e audiovisual, Iniciativa cultural e Cultura tradicional e de base. Cada premiado recibirá 15.000 euros, e estes anunciaranse no mes de xuño, elixidos por un xurado formado por quince persoeiros do ámbito cultural galego.
É unha boa iniciativa entón, xa que aínda que hai minifundismo de premios non había ningúns deste estilo, con tanta proxección e abranguendo o amplo espectro da cultura. Nótase que a consellaría inspirouse nos Premis Nacionals de Cultura, entregados en Cataluña dende 1995, aínda que alí as categorías son dezaseis. Entre os premiados cataláns inclúense persoeiros da magnitude de Antoni Tàpies, Bigas Luna, Pere Gimferrer e o Diario AVUI entre moitos outros.
Só agardo que, de voltar o PP á presidencia da Xunta, estes premios non se convertan noutro apaño, como eran as Medallas de Ouro de Galicia, entre cuxos honorables premiados na época Fraga atópanse Rouco Varela, a AVT ou Francisco Álvarez Cascos (despois da súa actuación na catástrofe do Prestige). Espero, pois, que estes Premios Nacionais proxecten a nosa cultura internacionalmente, e os premiados séxano por méritos propios, cousa que non dubido que vai pasar. Xa de paso aproveito para propoñer algúns candidatos a título persoal: en literatura a Xosé Luís Méndez Ferrín, en música a Luar na Lubre, e en iniciativa cultural a don Isaac Díaz Pardo, de quen xa abondei nas súas cualidades nunha colaboración anterior.
Díaz Pardo e o patrimonio Sargadelos
É Isaac Díaz Pardo un dos poucos símbolos que quedan de honestidade e entrega, que está por riba de ideoloxías e partidismos. O creador do Laboratorio de Formas de Galicia, xunto a Luís Seoane, entregou a Galiza un proxecto empresarial innovador, que tiña un forte compoñente cultural e galeguista. Dende hai algún tempo as mafias do poder queren botar fóra de Sargadelos ó mestre Isaac, e derrubar todo un símbolo cultural que, como galegos, debemos preservar.
Ante este atentado a cidadanía volcouse. Distintos manifestos e recollida de sinaturas aglomerábanse na rede, mentres a internet galega solidarizábase co intelectual, existindo un grande apoio entre os blogs galegos (o coñecido blogomillo). Un dos manifestos foi asinado polos tres ex-presidentes de Galiza: Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe e Manuel Fraga, ademais de outras personalidades, escritores, artistas ou xornalistas. No manifesto impulsado polos traballadores do Instituto Galego de Información, titulado O Castro-Sargadelos: Patrimonio da Galiza instábase a que o complexo empresarial fora declarado Ben de Interese Cultural (BIC), e que polo tanto o proxecto vital de Díaz Pardo e Seoane sexa patrimonio de noso, e como tal sexamos nós quen, a través das autoridades competentes, preservemos a filosofía e patrimonio de Sargadelos. Eu subscribo totalmente o manifesto, e agardo que o goberno galego cumpra co seu deber e non deixe esmorecer o legado cultural e artístico, en mans de xentes que o prostitúan e o desposúan do seu carácter artístico, intelectual e universal.
Polo momento Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura declarou que o seu departamento estudará a proposta. Así sexa.
Sempre Gañamos Algúns Euros (SGAE)
Para escribir sobre o tema de hoxe teño que andar con tino, se non quero acabar no xulgado, xa que vou falar da SGAE (Sociedad General de Autores Españoles). Así que non vou dicir que é unha mafia, non. É unha sociedade sen ánimo de lucro, aínda que dentro, na súa rede, a meirande parte de sociedades si que teñen ese ánimo.
Esta sociedade que actúa baixo amparo dos partidos políticos, é coñecida pola súa falta de vergoña. Exemplifico: ó dono dun local que pinchaba música Creative Commons (é dicir, libre de dereitos de autor) a SGAE mandoulle un par de detectives. Días despois tiña no xulgado unha demanda para pagarlle a dita sociedade 2.391 ouros. Tras meses de litixios o dono quedou exento de pagar.
Máis excéntrico se cabe é o caso seguinte, protección de datos expedientou á SGAE por gravar sen permiso unha voda, para presentar a gravación ante un xuíz e recadar os dereitos de autor da música. E é que en plan “camorra” napolitana, a SGAE infiltrara un detective para gravar ós asistentes mentres bailaban.
Mais se cadra o peor de todo é que lles estamos enchendo os petos ó comprar DVD, CD, MP3, escáneres... O canon que se adxunta a estes produtos pagámolo por piratear, sen sequera facelo (u-la presunción de inocencia?), cobra por un feito que non pode demostrar que vaiamos facer, e que aínda máis, é legal (mentres non pirateemos con ánimo de lucro). Así pois as empresas ou a propia administración que utilizan inxentes cantidades de CD ou DVD para gardar información, han pagar gran cantidade de diñeiro en concepto de canon por exercer o seu dereito á copia privada. Este diñeiro non sabemos exactamente onde vai parar, pero algo se intúe, debido ós cada vez máis numerosos inmobles, incluíndo un en construción en Santiago de Compostela con pedra do país e orixinal arquitectura (vamos, unha pasta).
Ante esta inxustiza xa hai 1.500.000 sinaturas contra o canon. Non son poucas.
No tomar e dar fácil é errar
Seguindo o tema do mes pasado, que poderiamos cualificar de “o galego nos medios” ou “os medios no galego”, vimos de coñecer a reclamación que o BNG, por voz de Bieito Lobeira, fixo no Parlamento galego. Foi o 26 de outubro, e viña a dicir que xa abonda de dar subvencións por empregar o galego ós xornais que non o utilizan. A boas horas... tarde piaches. Agora xa é tarde para recuperar os nosos cartos, gastados en axudar ós grandes medios de comunicación de Galiza para seguir deixando o galego no curruncho de sempre.
E é que o Sindicato de Xornalistas de Galicia vén denunciando, dende hai tempo, que non hai liberdade para informar no idioma galego. Segundo propias declaracións moitos afiliados do seu sindicato queren escribir máis na lingua propia pero non se lles deixa debido ás políticas empresarias, chegando incluso a ter que traducir entrevistas e declaracións entrecomiñadas do galego para o castelán.
É así que un informe realizado por 10 estudantes de xornalismo concluíu que os xornais de maior difusión do país utilizan tan só o galego nun 4% das súas informacións, sendo o restante 96% para o castelán. E a estes medios lles estabamos regalando os cartos. Eu xa non digo que se lles retire as subvencións, eu digo que nos devolvan os cartos, xa que non cumpriron co motivo polo que lles deron tal subvención. As axudas do goberno galego teñen que ir para os que respectan i empregan o galego decote. Para os que o prestixian e o normalizan. Foron demasiados anos de tirar o diñeiro, xa que no tomar e dar fácil é errar.
A necesidade de diarios galegos
Hai relativamente pouco saíu nos quioscos un novo xornal de ámbito estatal: Público. Eu merqueino en catro ou cinco ocasións, con motivo duns DVD que regalaban coa compra do periódico (custa 50 céntimos). En principio, así por riba, vinlle cousas interesantes e apartados nos que lles cómpre mellorar. O seu vistoso deseño e que sexa a toda cor é un punto, así como as seccións de Ciencia, Historia ou Medio Ambiente. Pola contra é bastante frouxo en seccións chaves como España ou Internacional.
O caso é que o nacemento de Público fíxome reflexionar sobre a situación en Galiza, e por máis que pensei, non din atopado un xornal de saída diaria que sexa galego. Chegado este punto teño que facer unha aclaración: na miña modesta opinión, un xornal, para ser galego, ten que estar escrito en galego (creo que cae de caixón) e ter un marcado sotaque galego. Mais a meirande parte dos diarios de Galiza (cando menos os de maior tirada) están escritos case en exclusiva en castelán, empregando o galego un pouquechiño, o suficiente para conseguir a subvención da Xunta. Si, xa sei que a veces se lucen e sacan unha colección en galego (obras literarias, enciclopedia...), mais isto é esmola.
O máis semellante que din atopado a un diario referencia para os galegos, até o de agora, é: A Nosa Terra (non é diario), A Peneira (non é diario), Vieiros (só na internet) e De luns a Venres (un gratuíto que como o seu nome indica non se publica nin sábados nin domingos).
Quizais sexa o momento para a irrupción dun xornal galego, en galego e para galegos. Quizais un novo ou un dos que antes citei. Aínda que os nosos empresarios (os que realmente teñen o poder de levar adiante estas cousas) de momento semellan felices facendo carreira na corte de Madrid.
Mais... quen sabe? Pode que A Peneira sexa o próximo referente do xornalismo galego.
Actualización: A Nosa Terra cando menos agora renova a súa web a diario, e ten bastante boa pinta.
Tamén temos o Galicia-Hoxe, aínda que veña con esa cousa chamada El Correo Gallego sexa tan minoritario que nin sequera o teña visto en quiosco ningún.
PuntoGal: O lugar da cultura na rede
PuntoGal: O lugar da cultura na rede
Foi alá polo 10 de xuño de 2006 cando as doce entidades promotoras da asociación PuntoGal convocaron a Asemblea Constituínte da asociación. A partires de aí os apoios non deixaron de se suceder. Ás entidades promotoras engadíronselle outras máis e entre todas agora figuran algunhas como este magno xornal, A Peneira; Vieiros; o museo do Pobo Galego; Ponte... nas Ondas; o Consello da Cultura galega; A Real Academia Galega; a CRTVG; a CIG e moitas outras asociacións, colexios ou mesmo un concello (o de Rianxo). Mesmo o PPdeG amosou o seu apoio á iniciativa trala súa reunión con membros da asociación. Os apoios individuais e colectivos non deixan de repetirse. 6.604 sinaturas de todo o mundo están recollidas, no intre de escribir estas liñas, na páxina web da asociación www.puntogal.org.
Pero a que hai que apoiar? Cal é esa iniciativa? Pois a iniciativa consiste en crear un dominio .gal na internet para a cultura e lingua galega, para asentarnos nun barrio e atoparnos nesa gran marea difusa que é a rede e non andar emigrados nos .com, .es, .net ou .org. Para levala a porto ten que ser aprobada pola Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN), organismo internacional que se encarga de autorizar e recoñecer os dominio. Para iso valora as propostas en función da necesidade de termos o dominio e do apoio que ten a candidatura no propio territorio. Por iso faise imprescindible o noso apoio.
Ademais temos un precedente moi preto, o .cat para Cataluña, promovido pola asociación PuntCat e que na actualidade está entre os dez dominios que máis medran do mundo, abranguendo xa 24.000 dominios en pouco máis dun ano.
O acadarmos o .gal non desbota que nun futuro podamos optar a un dominio xeográfico de dúas letras (.gz por exemplo) ó estilo do .pt ou .es. Mais para optar a este dominio cómpre ser un Estado recoñecido polas Nacións Unidas. Eu cando non perdo a esperanza.
Bo, bonito e... gratis
Bo, bonito e... gratis
Disque o software libre é unha carallada e non é competencia para o Windows e demais software "privativo". Pode ser, mais o software libre estase a dotar dun movemento cada vez máis numeroso que defende o seu uso para comezar así unha xeira de aceptación entre usuarios e institucións.
O denominado software libre (dende aquí sinxelamente SL) está formado polos programas que teñen unha licenza que permite ó usuario que posúe unha copia a liberdade de: ser empregado, copiado, estudado para adaptalo ás nosas necesidades, modificado para mellorar o programa e publicar as melloras e redistribuído ceibemente.
O SL é unha necesidade que moitas veces non é tomada en conta polo usuario. Así, por exemplo, cando mercas unha nova computadora e non che vén un procesador de textos o que se adoita facer é tentar conseguir o Office pirateado, cousa ilegal. A solución sería instalar o programa equivalente de SL, que neste caso sería o OpenOffice. Tan só teríamos que dirixirnos á páxina
www.mancomun.org e descargalo xunto co corrector de galego. Legal e gratuíto.
O SL como competencia a Windows está representado polo Linux. Éste ten moitísimas distribucións distintas (até a Junta de Andalucía ten a súa propia), entre as que destacan Ubuntu ou Mandriva. A adaptación a estes sistemas operativos leva certo traballo, pero se verá recompensado grazas a outras cousas como a comunidade que ten detrás que soluciona erros, a gratuidade dunha grande parte dos programas, a case inexistencia de virus…
Nalgúns sitios xa están a ben co SL. É o caso do Parlamento francés , que emprega Ubuntu. O de Zaragoza, que mudará ó SL aforrando así 1 millón de euros anuais. Son os casos, tamén, de Andalucía e Estremadura. Se ben en Galiza case nada fixemos.
Considero fundamental que o Linux, en calquera das súas distribucións ou nunha versión propia da Xunta de Galicia, se apropie das escolas, xa que son as institucións públicas de ensinanza as que teñen que facernos acadar a competencia nestes lares, para formar cidadáns no espírito da liberdade, colaboración e colectivismo. E ademais aforrarmos os cartos.
Día das Letras Galegas: iso foi todo?
Día das Letras Galegas: iso foi todo?
Non se me interprete mal, faise un enorme labor dende algúns medios e asociacións (e cada vez máis dende as institucións) para levar adiante esta efeméride, mais penso que non é dabondo.
Non é dabondo mentres os xornais máis importantes de Galiza fagan unha primeira páxina “especial” en galego e todo o de dentro siga coma sempre.
Non é dabondo mentres a repercusión fóra do noso territorio sexa ínfima (nin unha soa frase adicada a esta data ouvín nos telexornais estatais).
Non vai ser suficiente mentres o Día das Letras Galegas sexa un feirado. Esta é unha xa vella reivindicación.
Que sexa festivo fai que a xente vaia á praia, cousa bastante comprensible pero que non se merece a celebración. Hai ducias de días que se poden “inventar” para facer unha ponte en primavera: Día da diversidade cultural, Día da auga, Día do medio ambiente... só por citar algúns dos que xa existen. O Día das Letras Galegas tense que celebrar coas librarías abertas e cos rapaces nas escolas e institutos, adicándolle distintas actividades (segundo decidan os mestres) ó escritor que lle toque.
E sobre todo, non é dabondo se é un só día. Vale que nesa data lembrámonos da discriminación do galego na escola, no traballo, nos medios de comunicación... pero o resto do ano esquecémonos en moitas ocasións de manifestar o atropelo que recibe a lingua de noso.
Que sexa este artigo un xeito de recordar que a lingua galega se reivindica todo o ano. Vivir, ler e falar en galego. Así o tiñamos que celebrar.
Non ó canon bibliotecario
Aproximadamente 44 millóns de préstamos de libros realízanse ó ano nas bibliotecas públicas españolas. Esto correspóndese con un libro por habitante, un dato baixísimo de o compararmos coa Europa dos 15. Pero se non lle chegaba ás pobres bibliotecas coa miseria de orzamento que teñen, agora vai recaerlles unha nova carga sobre o lombo: un canon por préstamo bibliotecario.
Este canon vén propiciado por unha directiva de 1992 do Tribunal de Xustiza europeo, que 15 anos despois vaise aplicar en España. Por este motivo o Estado, as comunidades autónomas e os concellos aboarán (ou o que é o mesmo, aboaremos) ás entidades de xestión de dereitos 0,20 € por cada libro adquirido polas bibliotecas públicas dos concellos de máis de 5.000 habitantes. Con isto as bibliotecas (que dan a coñecer a libros e autores facendo promoción gratuíta, invertendo ademais espazo e esforzo humano) deixarán de mercar cada ano 100.000 novos exemplares.
Evidentemente xa saíron numerosas voces en protesta. Un manifesto en contra da directiva asinado pos máis de 400 autores foi lido fronte a Biblioteca Nacional. Estanse a recoller, ademais, sinaturas por todos os países europeos coa intención de chegar a ter 1.000.000. A plataforma www.noalprestamodepago.org xunta os esforzos de bibliotecarios, mestres e autores. Argumentan que “o prezo do libro xa inclúe os dereitos de autor. O canon é como pagar a entrada dun museo e despois por cada cadro que se mira”. Engaden ademais que “o canon reducirá o orzamento das bibliotecas pola compra de libros e moitos autores minoritarios desaparecerán dos estantes”. Mesmo o concello de Foz aprobou por unanimidade unha moción contra a directiva comunitaria de impor un canon por préstamo de libros.
Chegados a esta parte da argumentación xa sabemos quen vai saír perdendo pero, quen vai saír gañando? Pois ben, a resposta é CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), unha especie de SGAE á que lle interesa, e moito, que a directiva bula para adiante. Segundo a súa web, algunhas das funcións e servizos de CEDRO son “o reparto dos dereitos económicos que lle corresponden ós autores pola utilización da súa obra”. Considera ademais que a súa misión é “facilitar ós cidadáns o acceso legal a libros, revistas e outras publicacións, editados en calquera medio e soporte”. Home, todos sabemos que impor unha barreira económica é o mellor xeito de facilitar o acceso á cultura.
Agora ben; neste punto no que xa sabemos algúns datos ilustrativos, quen sae perdendo e quen gañando, aínda teño unha última dúbida: Que porcentaxe van levar autores como Shakespeare, Cervantes, Platón ou Homero?
A Enciclopedia de todos
A Enciclopedia de todos
Nos mellores soños de Diderot e D'Alembert estaba a de faceren unha gran enciclopedia, que recollera o saber universal para deixalo plasmado no papel “per secula seculorum”. Hoxe en día na nosa man está o embarcarnos noutra empresa igual de ilusionante: a Galipedia, a enciclopedia en rede, colaborativa e de balde, en lingua galega.
A Galipedia encádrase no proxecto Wikipedia (do hawaiano: wiki wiki, «rápido»), que ten de lema “A enciclopedia ceibe que todos podemos editar”, que vai polo vieiro de ofrecernos unha enciclopedia de calidade en lingua galega. Pescúdase, polo tanto, o espallamento da cultura para chegar ós fogares das máximas persoas posibles. Esta intención posúe en esencia certo utopismo, do máis puro estilo Thomas More, que co tempo vaise trocando en realidade. Non hai máis que ver a Wikipedia inglesa, que vai roldando os 1.800.000 artigos, ademais de contar con outros proxectos (ó igual cá galega) con abondoso material. No caso galego, no intre no que escribo estas liñas, o número de artigos é de 23.074 (imos de número 37 na xeral de wikipedias), contando ademais con 1.965 usuarios rexistrados, que de seguro irán en aumento rapidamente.
Non queda máis que agradecer ós impulsores do proxecto galego, que nun principio tiveron que facer un formidable esforzo, a súa dedicación e entusiasmo, que fixo que a Galipedia bulira en pouco tempo. Grazas a eles hoxe podemos desfrutar dunha enciclopedia en galego, con miras a converterse nun punto de referencia na rede galega.
PS: Os datos son de cando escribin o artigo. Mentres escribo este post os datos son: 24.561 artigos (posto 37 entre as wikipedias) e 2.193 usuarios rexistrados.
Ecoloxía electoral
Estamos en época pre-electoral e iso comeza a notarse. Un tema que comeza a gañar interese en todo o mundo é o coidado e preservación do medio ambiente. Os organismos internacionais comezan a moverse ante a demanda social. A UE acaba de fixar o emprego de enerxías limpas nun 20% para antes do 2020. Pero a nivel cidadán o que preocupa son as aberracións urbanísticas que asolagan todos os pobos que posúan unha zona verde onde queden “ben” uns chalés.
Salceda de Caselas non é menos. O noso alcalde está a facer del un concello dormitorio, onde as construtoras fan o seu agosto todos os meses do ano. Os pisos medran embaixo das pedras sen ningún tipo de consideración para co seu contorno. Aínda estamos a tempo de evitar o estrago que existe en Salceda e ,en xeral, en todos os concellos da zona. Para iso está a saúde democrática e a nosa cultura ecolóxica.
Para fornecela recomendo o documental Una verdad incómoda, gañador dun Oscar, e baseado nunha conferencia de Al Gore (aquel que gañou as eleccións estadounidenses do 2000). Ademais, personalidades da ciencia sacan os seus libros, como James Lovelock (creador da hipótese Gaia), que saca do prelo La venganza de la Tierra, onde defende que o quecemento global é evidente e que a Terra comeza a se vingar. Ademais, en internet pódese ampliar información en sitios como culturagalega.org ou canalciencia.com.
Galiza ten potencialidade para ser un país verde e limpo. Hoxe en día coa nosa enerxía eólica (segunda rexión europea en produción), e potenciando a biomasa poderiamos conseguir que toda a nosa enerxía consumida fora respectuosa coa atmosfera, mais a nefasta xestión neste tema fai que mesmo debaixo dos parques eólicos haxa xente con problemas eléctricos.
O xenocidio armenio non se esquece
O xenocidio armenio non se esquece
O xenocidio armenio énos cada pouco tempo dolorosamente recordado. No masacre morreron máis de 1 millón de armenios, resultado do plano de exterminio do Imperio Otomán, xermolo da actual Turquía, durante os anos da I Guerra Mundial.
Hoxe en día os armenios seguen a loitar polo recoñecemento do tal xenocidio, que Turquía segue a negar. Esta versión de esquecer o pasado (desmemoria histórica) non é descoñecida na España.
Os intelectuais en Turquía están a se xogar a vida, literalmente, para erguer a voz e reclamar atención. Que llo pregunten Hrant Dink, intelectual e xornalista armenio, asasinado por un rapaz turco de 17 anos. Quen cargou a arma que disparou? El ou o estado turco (tendo en conta aínda por riba que os policías fotografáronse co asasino, coma se fose un heroe)?
Ante tal panorama outros críticos, como o actual premio Nobel de literatura, o turco Orhan Pamuk, xa decidiron abandonar o seu país ante o perigo de correr a mesma sorte. Pamuk (sen obras traducidas ó galego) xa fora xulgado por inxurias contra a patria, delito que alí está penado con entre 6 meses e 3 anos de cárcere.
Mais é a cultura quen dita sentenza. Ó citado premio Nobel de literatura únese a banda estadounidense de orixe armenia System of a Down. Esta banda de Metal Alternativo fai un labor significativo polo recoñecemento do masacre armenio. Nas súas cancións fanse mencións a tal feito, e mesmo teñen nas pantallas americanas un documental sobre os xenocidios no século XX, de título Screamers. Por outra banda o director canadense de orixe armenio, Atom Egoyan, ten un fermoso filme sobre este tema, Ararat. Termino cunhas frases do filme: “Sabe que sigue a causar tanta dor ó noso pobo? Non é a xente que perdemos, nin a terra. É sabermos que nos odiaban tanto. Quen era esa xente para odiarnos así? Como poden seguir negando a súa xenreira e odiarnos, odiarnos aínda máis?”
A banalización da lectura
A banalización da lectura
Nestes intres de homoxeneización das tendencias, a lectura comeza a converterse nunha forma de estar á última, seguindo os derradeiros designios dos medios de comunicación, potenciados polo fenómeno boca-orella.
Levar o libro do momento para ler no autobús ou no tren, é xa case tan habitual como portar un MP3. Mais non é menos habitual que estes libros, na meirande parte cheos de oportunismo, sexan de moi baixo nivel de calidade ou teñan un fugaz éxito.
De tal xeito desfilaron ante os nosos desvalidos ollos libros de nefasta calidade literaria como O Código Da Vinci en particular e todos os de Dan Brown en xeral; libros oportunistas, editados grazas á popularidade do seu autor no momento, como Un día de perros de Hugh Laurie (o doutor House), ou a grande maioría dos libros de memorias, como o de Ana María Ríos e diversas “celebridades” do mundo da prensa amarela, mal chamada prensa rosa.
Libros fugaces, de consumo rápido, que caen no esquecemento con áxil facilidade.
No ámbito de noso hai quen avoga pola chegada destes tipos de libros ó panorama editorial galego, para que se produza unha suposta normalización lingüística que achegue novos lectores. Este suposto ten dúas visións: a positiva sería o maior número de vendas de libros en galego, o que produciría o aumento da edición de libros en galego de calidade; e a negativa sería o abafamento da literatura en galego, ademais da expulsión dos libros que non vendan, dos curtos andeis adicados ó galego nos grandes almacéns.

