"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

PuntoGal: O lugar da cultura na rede

| terça-feira, novembro 13, 2007
A Peneira, setembro 2007.

PuntoGal: O lugar da cultura na rede

Foi alá polo 10 de xuño de 2006 cando as doce entidades promotoras da asociación PuntoGal convocaron a Asemblea Constituínte da asociación. A partires de aí os apoios non deixaron de se suceder. Ás entidades promotoras engadíronselle outras máis e entre todas agora figuran algunhas como este magno xornal, A Peneira; Vieiros; o museo do Pobo Galego; Ponte... nas Ondas; o Consello da Cultura galega; A Real Academia Galega; a CRTVG; a CIG e moitas outras asociacións, colexios ou mesmo un concello (o de Rianxo). Mesmo o PPdeG amosou o seu apoio á iniciativa trala súa reunión con membros da asociación. Os apoios individuais e colectivos non deixan de repetirse. 6.604 sinaturas de todo o mundo están recollidas, no intre de escribir estas liñas, na páxina web da asociación www.puntogal.org.

Pero a que hai que apoiar? Cal é esa iniciativa? Pois a iniciativa consiste en crear un dominio .gal na internet para a cultura e lingua galega, para asentarnos nun barrio e atoparnos nesa gran marea difusa que é a rede e non andar emigrados nos .com, .es, .net ou .org. Para levala a porto ten que ser aprobada pola Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN), organismo internacional que se encarga de autorizar e recoñecer os dominio. Para iso valora as propostas en función da necesidade de termos o dominio e do apoio que ten a candidatura no propio territorio. Por iso faise imprescindible o noso apoio.

Ademais temos un precedente moi preto, o .cat para Cataluña, promovido pola asociación PuntCat e que na actualidade está entre os dez dominios que máis medran do mundo, abranguendo xa 24.000 dominios en pouco máis dun ano.

O acadarmos o .gal non desbota que nun futuro podamos optar a un dominio xeográfico de dúas letras (.gz por exemplo) ó estilo do .pt ou .es. Mais para optar a este dominio cómpre ser un Estado recoñecido polas Nacións Unidas. Eu cando non perdo a esperanza.

3 comentários:

Anónimo disse...

Grazas pola información.
Xa entrei e firmei.

Alberte disse...

Eiii, de nada, ho. Alédame que alguén alén de min mesmo me fai algo de caso, hehe.

leriasaparte disse...

hola. haberá que firmar para ter ese dominio!
sinto agora ter que facer publicidade, pero é para denunciar unha grave irregularidade - totalmente documentada - nas listas de substitucións na consellería de educación. Con este fin creei un blog para que se coñeza o meu caso