"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

Mostrar mensagens com a etiqueta Literatura. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Literatura. Mostrar todas as mensagens

Xa nolo dixo Manuel María

| domingo, junho 17, 2007

CANCIÓN PRA CANTAR TODOS OS DÍAS

(do libro "Canciós para lusco ó fusco")


Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.

Hai que ser duros, peleóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.

Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.

Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.


Seríamos, sen fala, unhos ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.

O idioma somos nós, povo comun,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe
.

De volta

| domingo, outubro 22, 2006
Xa teño o ordenador amañado. Queimáraseme o disco duro, o que provocou a miña ausencia durante pouco menos dun mes. Durante este tempo, se tivera o ordenador endiante, de seguro que tivera escrito sobre o novo gañador do Premio Nobel de Literatura, Orhan Pamuk, un home que ten dous coll... ben postos ó recoñecer (e loitar para que seu país recoñeza) o xenocidio que perpetraron os turcos contra o pobo armenio (o denominado Xenocidio armenio).

Outra muller que lle botou valor foi Anna Politkovskaya, quen se atreveu a denunciar a violación dos dereitos humanos por parte da Rusia de Putin en Chechenia, elevándose como a máis valente e mordaz crítica do presidente ruso, o que lle custou caro.

E tamén tería escrito da nova moda, a Brucemanía (por fin unha -manía boa), provocada polo anuncio dunha marca de coches. Be water my friend.

1922 ou 2006?

| sexta-feira, agosto 25, 2006
- Nunha era democrática que arela "anular os particularismos" esta habelencia do galego para agachar as súas destrezas debería serlle de proveito.

- Xa que logo, a vertente forte, afoutada e laboriosa do caracter galego debe atribuírse a un elemento xermánico, desde o momento en que os suevos ocuparon esta rexión durante case douscentos anos, ou ao compoñente romano, calculado normalmente na proporción de un a trinta, pero moito máis vizoso na provincia de Lugo. O elemento céltico úsase para explicar o encanto poético, sensible e soñador, a melancolía, a sátira e a paixón do carácter galego. Sen dúbida os etnólogos tenden a ignorar a xeografía e a esquecer que causas semellantes producen efectos semellantes. Disraeli definiu os irlandeses pola súa vida "nun clima húmido a carón do melancólico océano". As semellanzas entre galegos e irlandeses explícanse pola semellanza das súas posicións xeográficas.

- As mulleres son as que na práctica gobernan Galicia e é quizais este matriarcado o que explica o conservadurismo, a industria e a economía que prevalecen no país.

- O partido separatista en Galicia non é nin moi forte nin moi nacionalista.

Aínda que estes fragmentos semellen estar escritos na actualidade foron publicados en 1922, e non os escribiu un galego senón o inglés Aubrey F. G. Bell no seu libro Spain Galicia (Galicia vista por un inglés). Recomendo a súa lectura para sabermos que as cousas nalgúns casos non cambiaron tanto e noutros cambiaron demasiado.

Libros en galego, e gratis!

| sábado, junho 17, 2006
Alédome de que na Galiza comecen a existir iniciativas tan interesantes no panorama editorial como a de Rinoceronte Editora e Ediciós da Rotonda. Achegar a cultura en galego e gratis pola rede é un bo sinal, e dende logo, unha satisfacción para os amantes da lectura.

Rinoceronte Editora pon ó servizo do internauta para que descargue de balde o fermoso libro O condutor de autobús que quería ser Deus, de Etgar Keret. Para ir ó libro preme aquí.

Ediciós da Rotonda achéganos a novela O home inédito, de Carlos G. Meixide. A novela vai xa pola súa 2ª edición. Para ir ó libro preme aquí.

Que vos aproveite a lectura e que se repita esta culturizante iniciativa.

Actualización: Pois repetiuse outra vez da man de Rinoceronte Editora, quen deixa á nosa disposición a descarga de Anxos do Universo, de Einar Már Gudmundsson. Para ir ó libro preme aquí.

50 anos de Merlín e familia

| sábado, dezembro 03, 2005
Este ano cúmprese o 50 cabodano da publicación de Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro. Eu quero rendirlle a miña particular homanaxe a este mago da imaxinación, que soubo mesturar a nosa terra coa materia da Bretaña, con este poema de Xabier Seoane:

Cunqueiro

Como non tivo mans pra ser oleiro
mais no seu tempo o afiador vagaba
e o xílgaro na póla divagaba,
anhelou para sempre ser trobeiro.

A pluma dun pardal cabe o tinteiro
riscaba polas páxinas que amaba
a ensoñación dun canto que ceibaba
o caracol do mar no lento esteiro.

En todo tempo o canto lle manaba
dun Merlín corazón que lle soñaba
o fume sobre o val e a nube ao vento.

E todo era nel como a inociencia
dun cisne azul ceibando a súa ciencia
baixo o acivro de luz do firmamento.