"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

Mostrar mensagens com a etiqueta Natureza. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Natureza. Mostrar todas as mensagens

Toca reconstruír

| segunda-feira, agosto 14, 2006
Tivo que ocorrer esta gran desastre para que tódolos galegos se conciencien de que aquí non todo vai ben. Toca reconstruír e cómpre facelo pola base. Hoxe escoitaba na TVG a intervención de Albino Prada, Doutor en Economía pola USC, e subscribo todo o dito por el.

Como dicía el, os beneficios das centrais eólicas ou hidroeléctricas teñen que repercutir na zona onde están a destrozar a paisaxe, na nosa natureza. Xa sabemos que tivemos unha política durante case 20 anos que era todo o contrario (véxase o modelo do río Xallas, co que se enriquece Villar-Mir).

Xa teño dito neste blog que a limpeza do monte pode ser aproveitada para a produción de biomasa, fonte de enerxía renovable e non contaminante. Creo eu que aproveitando ben o monte case tódolos pobos galegos poderían beneficiarse desta enerxía, que ten en Galiza un dos seus mellores lugares para ser aplicada.

Esta limpeza do monte debe ser feita tamén polos cabalos salvaxes e, sobre todo, polos rabaños e polo gando dos veciños. Aquí é perfectamente aplicable esta medida. Noutros sitios o fan aínda que lles sexa moi difícil: non sei onde vira que nun concello catalán (creo) regaláronlle unha casa onde vivir a un pastor andaluz (creo) para que co seu rabaño lles limpara o monte e ter así un monte co que poder interactuar e estar máis seguros ante posibles incendios.

Outro factor que inflúe en toda esta problemática é a despoboación do rural. Pero en toda España estase a producir outro fenómeno, que é o da inmigración. Moitos destes inmigrantes viven en cidades e non atopan un traballo digno e ben remunerado. Unha solución é combinar os termos Despoboación do rural e Inmigración para que o resultado sexa a repoboación do rural. Esta solución xa se atopou nalgures, onde lles regalaban unha casa nun pobo de aprox. 10 habitantes a inmigrantes e lle ensinaban un oficio para aplicaren no pobo. Así no pobo había panadeiros, quiosqueiros... o pobo medrou e todos tiñan emprego. "Fácil y sencillo para toda la familia".

Estamos nun momento importante, segundo recuperemos o noso monte así o imos desfrutar. E outra cousa: nin un só eucalipto máis, temos especies autóctonas de sobra para reforestar.

Para ler a opinión sobre o problema e a solución da man de xente máis experta que eu, descarga o pdf ofrecido dende o Consello da Cultura.

Suxerencias

| terça-feira, agosto 08, 2006
Quen son? Que pretenden? Todo son incógnitas en torno a eles, tan só sei que os pirómanos son auténticos psicópatas medioambientais que procuran facer o meirande dano posible. Eu imaxino ós pirómanos en cadansúa casa desfrutando do dano feito: persoas mortas, a nosa herdanza de séculos queimada...

O caso concreto do incendio de Moaña é impresionante. Onte achegueime a Vigo e o panorama era desolador: semellaba o filme Apocalypse Now, cun Sol vermello que se podía ver directamente entre o mesto fume.

Non vou quentar máis a boca cos pirómanos, pero si vou dar algunhas ideas que ó mellor poderían paliar a situación. Creo que o tratamento informativo que se lle dá ós pirómanos é moi livián. Mentres que da asasina galega de anciás en Barcelona sabiamos todo, nada sabemos dos pirómanos. Se dende os medios se lles adicase un tratamento especial igual o pensaban dúas veces antes de queimar o que os nosos devanceiros nos prestaron.

Outra cousa que non se está a facer é a prometida limpeza do monte. Penso eu que a limpeza do monte é esencial e que ademais podería ser aproveitada para a obtención de biomasa, que é unha fonte de enerxía renovable e non contaminante.

Que as miñas suxerencias non vaian ó baleiro!

Para ver máis opinións de bloggers preme no vínculo ou visita Vieiros para informarte dos lumes forestais.

(A fotografía foi tomada o 7 de agosto na Praza Elíptica de Vigo cando o ceo debería estar azul).

Etiquetas: País, Lume