Hoxe mentres comía puxen a Televisión de Galicia (satélite), cousa que fago moi pouco, mais sorprendinme cun documental. A primeira imaxe que vin e que xa me seduciu foi a dun vello, flores en man, falando do xenocidio galego (con estas verbas). Fiquei vendo imaxes moi emotivas, xente maior emocionada falando da súa vida e familias, debuxos de Castelao, un grupo de persoas plantando flores a carón da tapia dun cemiterio mentres unha persoa cunha voz poderosa falaba da barbarie cometida e algunha xente non evitaba o pranto.
Miña avoa sentou ó meu lado, e falando un chisco sobre o acontecido en Galiza e o acontecido hoxe mesmo coa suspensión do xuíz Baltasar Garzón, contoume cousas das acontecidas á miña familia, e iso dispóñome a escribilo aquí.
O meu tataravó, o avó da miña avoa, traballaba nunha fábrica, posiblemente de peixe ou de conservas en Vigo. Era unha persoa enferma xa que semella que estivo 3 anos nun sanatorio por algunha enfermidade que miña avoa non soubo precisar. O caso é que morreu, antes da guerra, e foi soterrado coa bandeira vermella-amarela-morada cubrindo o ataúde. Comezada a guerra, fóronno buscar para matar e a miña tataravoa explicou que xa morrera. Os falanxistas non a creron e rapáronlle o pelo e déronlle de beber algún produto para escarnio dela. A miña tataravoa tamén traballaba nunha fábrica de peixe -era onde había traballo, segundo a miña avoa-, mais o caso é que se viu forzada a emigrar a Cuba, onde traballou como cociñeira da embaixada española.
O meu bisavó, o pai da miña avoa, José Álvarez Pérez, tamén sufriu as consecuencias. Lembro que no salón da casa onde vivia miña avoa no Calvario vigués había un cadro cun retrato del. Era unha pintura que amosaba a unha persoa moi nova (non máis de 30 anos), coa raia cara a un lado formando no pelo de cor castaña unha pequena onda na fronte, e tamén con bigote. A súa profesión era barbeiro. Cando comezou o terror no país seica lle mandaron vixiar a tres republicanos. O caso é que el era republicano e ademais eses republicanos eran amigos seus. Así que deixounos escapar, e para que non pensaran que os deixara fuxir voluntariamente disparouse nunha man, simulando unha fuxida pola forza. Non o creron e fixéronlle un xuízo. Non sei cal foi o resultado, mais o tema é que o meu bisavó fuxiu ó monte. De cando en vez agochábase nun cortello con outros compañeiros, entre a palla, onda a casa da súa muller. Unha vez foron pescudalos alí, e os falanxistas moveron a palla con baionetas, mentres miña avoa morría do medo. O meu bisavó e os outros fuxiran a tempo, ó escoitar ós fascistas. Mais pouco durou o meu bisavó, que contraxo tuberculose e morreu en marzo de 1940, 2 meses despois de nace-la súa filla, miña avoa.
Por último contoume a historia do padriño do seu irmán. Recén nacido o irmán da miña avoa decidiron escoller de padriño a un rapaz xoven, de 23 ou 24 anos.
Ese rapaz foi torturado en Vigo por un método que non tiña nin idea do seu emprego. A miña bisavoa tentou ir velo, no soto dun castelo (se foi en Vigo supoño que sería o castelo de San Sebatián... ó dicir este nome miña avoa díxome que pode ser, que lle soaba o nome). Non lle deixaron ver ó rapaz, pero a través dunhas fiestras conseguiu ver que o rapaz xacía morto, cos brazos en cruz, como crucificado, e unha pinga de auga baténdolle na cabeza. A pinga malaia.
Non puido se-lo padriño do irmán da miña avoa, e no seu lugar tivo que ir outra persoa, mais baixo o nome do asasinado, cousa que se podía facer daquela según dixo miña avoa.
En fin, esta historia, sobre todo a do meu bisavó, xa a coñecía antes de xeito algo incompleto. O terror fascista seguiu tocando de preto á miña familia, tanto é así que un dos últimos fusilados en Europa, Xosé Humberto Baena, era amigo dalgún familiar, e na miña casa témo-lo orixinal dunha carta súa que escribiu cando lle obrigaron a face-la mili. Eu fixera hai anos unha copia desa carta, algún día heina buscar e ensinárvola.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
5 comentários:
Que dureza, caramba; Queremos ler esa carta do Humberto, un documentazo.
Saúde!
No verán prometo poñe-la carta. Grazas por comentares!
Púxoseme a pel de galiña. Tremenda historia...
Estarei atenta a esa carta
:)
Non sei se aledarme por conseguir que o meu texto espertara algún sentimento ou preocuparme porque o sentimento non sexa moi agradable :S
Es gallego esto idioma? Comprendía bastante pero no todo.
¡Un blog muy bueno! Me ha gustado mucho. Yo tengo un podcast en esta dirección donde hablo de Suecia y mi vida alli: http://turbeng.wordpress.com/
¡Bienvenidos!
Enviar um comentário