"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

Bo, bonito e... gratis

| sexta-feira, outubro 19, 2007
A Peneira, agosto de 2007.

Bo, bonito e... gratis

Disque o software libre é unha carallada e non é competencia para o Windows e demais software "privativo". Pode ser, mais o software libre estase a dotar dun movemento cada vez máis numeroso que defende o seu uso para comezar así unha xeira de aceptación entre usuarios e institucións.

O denominado software libre (dende aquí sinxelamente SL) está formado polos programas que teñen unha licenza que permite ó usuario que posúe unha copia a liberdade de: ser empregado, copiado, estudado para adaptalo ás nosas necesidades, modificado para mellorar o programa e publicar as melloras e redistribuído ceibemente.

O SL é unha necesidade que moitas veces non é tomada en conta polo usuario. Así, por exemplo, cando mercas unha nova computadora e non che vén un procesador de textos o que se adoita facer é tentar conseguir o Office pirateado, cousa ilegal. A solución sería instalar o programa equivalente de SL, que neste caso sería o OpenOffice. Tan só teríamos que dirixirnos á páxina
www.mancomun.org e descargalo xunto co corrector de galego. Legal e gratuíto.

O SL como competencia a Windows está representado polo Linux. Éste ten moitísimas distribucións distintas (até a Junta de Andalucía ten a súa propia), entre as que destacan Ubuntu ou Mandriva. A adaptación a estes sistemas operativos leva certo traballo, pero se verá recompensado grazas a outras cousas como a comunidade que ten detrás que soluciona erros, a gratuidade dunha grande parte dos programas, a case inexistencia de virus…

Nalgúns sitios xa están a ben co SL. É o caso do Parlamento francés , que emprega Ubuntu. O de Zaragoza, que mudará ó SL aforrando así 1 millón de euros anuais. Son os casos, tamén, de Andalucía e Estremadura. Se ben en Galiza case nada fixemos.
Considero fundamental que o Linux, en calquera das súas distribucións ou nunha versión propia da Xunta de Galicia, se apropie das escolas, xa que son as institucións públicas de ensinanza as que teñen que facernos acadar a competencia nestes lares, para formar cidadáns no espírito da liberdade, colaboración e colectivismo. E ademais aforrarmos os cartos.

3 comentários:

Anónimo disse...

Boas, A Peneira,
moi interesante a túa defensa do software libre. a ver se cunde.

nós andamos, mentres, promocionando todo o relacionado coa modernización do tecido empresarial galego. en Renovación Tecnológica existe a posibilidade de financiar a compra de equipamento informático sen ningún interese.

os responsables do portal, dependente de Caixanova, encárganse de todo o proceso. o interesado di o que lle fai falta: ordenadores, software, dominios de internet, cursos de novas tecnoloxías...; eles solicitan ofertas a varios proveedores, preséntanlle ao empresario as cinco mellores e financian a operación sen intereses. chámanlle "a solución redonda".

se cadra interésache ou sabes dalgunha peme ou emprendedor ao que lle poida ser útil. un saúdo.

Anónimo disse...

Todo o que dis é certo...pero eu non me atrevo, teño medo de escarallar todo.
Calque día teño que empezar e romper con puto Windows.
Por certo, que vexo que sabes diso, si se me ocorre empezar ¿que distribución de Linux me recomendas que instale?
Ten que ser unha a proba de tontos...

Alberte disse...

Hehe! Alédome de que queras rachar con Windows (o Vista é malísimo). Eu recoméndoche Ubuntu, é doado e ten cantidade de manuais, tutoriais, etc.

Pódese pedir gratis en ShipIt (https://shipit.ubuntu.com/), tan só hai que crear unha conta. Eu xa pedín os meus do Ubuntu 7.10.