"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

Que pasa en Vigo?

| domingo, junho 03, 2007

Unha das maiores preocupacións que levei trala noite electoral foi o caso vigués. Entendo que o BNG baixara e mesmo que o PSOE non subira moito, pero a suba de Corina Porro non se corresponde cun bo goberno.

Do BNG estaba cantada a súa baixada. As desavenencias no bipartito que gobernou un ano en Vigo pasáronlle factura, xa que hai unha idea xeralizada de que a culpa foi do Bloque. Ademais a imaxe de Lois Pérez Castrillo todavía na mente dos vigueses como que bota un pouco para atrás, xa que o ex-alcalde colaborou moito na degradación da imaxe do BNG vigués. Aínda así penso que o candidato por Vigo, Santi Domínguez, era, obxectivamente, o mellor dos tres.

O PSOE non obtivo bos resultados, aínda que subiu. Abel Caballero era un candidato con non moi boa imaxe entre os vigueses. Sendo como foi ministro, os vigueses non son capaces de lembrar algo que teña feito por eles.

O aumento de Corina Porro só mo explico por un aumento da dereita españolista en Vigo, porque polo seu bo labor non será. Un ex-votante socialista, para votar por Corina, tería que tapar o nariz para non afogar co cheiro, así que non creo que fora ese o motivo do seu aumento.
Analizando un pouco os tres anos de Corina Porro tan só podo dicir que plantou flores coma unha tola e enlousou as rúas cunhas lousas carísimas que cando chove se foden e hai que reemprazalas. Vamos... o que unha cidade industrial como Vigo necesita. O transporte esquecido (cada canto pasa o Vitasa?), a cultura esquecida (que foi do Verbum?), un plan xeral con gran cantidade de xente en contra, nin sequera se digna a empregar o galego nunha cidade cada vez máis catelán-falante (será que, como din nalgúns medios, están perseguidos), etc. etc.

Agora semella que Corina é un dos pesos pesados do PP galego, polo que parece que non vai ser desaproveitada facendo oposición en Vigo.

6 comentários:

Pedro Morgado disse...

Norte de Portugal e Galiza: Um Futuro Comum?
Lê e comenta.

Anónimo disse...

o que pasa en vigo o explica moi ben lantania. o electorado lle dixo ó bloque qué hai do seu, nin flores nin prantas nin plan xeral. Para eso, que é o que prometedes , voto a Corina. As matemáticas non fallan (nin mesmo as grosas). O que perde o bloque o gana perly, os votantes son os mesmos.

Anónimo disse...

Estimado Alberte:
As flores da Gran Vía son para moitas persoas un argumento electoral, ademais cabe lembrar aquelas palabras do incombustíbel Giulio Andreotti que dicia que o poder desgasta sobre todo a quen non o ten (mire vostede a de anos que custou botar a Chicho na súa Salceda). Tamén creo que ten razón no da dereita españolista, eses que quentan as orellas, os ollos e os miolos escoitando a COPE e lendo El Mundo, e no da ruptura do anterior goberno de (A)Ventura tamén creo que leva razón, ao meu ver o Bloque, con máis razón que un santo, apareceu na opinión pública como o culpábel da chegada de Corina á alcaldía.

Anónimo disse...

Eu penso que votan a Corina pola sua apariencia, imaxe e porque ademáis Galicia é de dereitas.

Alberte disse...

Certo, ás veces o poder desgasta a quen non o ten (Madrid), e no caso de Salceda si que custou botar ó alcalde, pero a súa saída foi estrepitosa.

xOsedorrio disse...

O BNG ten un gran problema en Vigo (e en Galiza en xeral): non soupo sacar rendabilidade algunha os catro anos que estivo a fronte da alcaldía, véndose superado nas seguintes eleccións polo seu socio de goberno; e tampouco sabe sacar esa rendabilidade cando é o socio minoritario do goberno (como sucede actualmente en Galiza). Polo que parece o BNG so sube naqueles lugares onde fai oposición pura e dura.

PD: a posible causa da suba da dereita en Vigo pode ter moito que ver coa migración do interior (poboación moi conservadora -dígocho eu que son de Ourense-) a costa.