"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

Memorial de mártires

| terça-feira, novembro 29, 2005
Encontrei un bo artigo surfeando pola internet e creo de interese divulgalo:

Memorial de Mártires - por Avelino Abuín de Tembra
(publicado 15 de agosto de 2002)
O amencer do 17 de agosto de 1936 constitúe unha das páxinas máis tristes da historia contemporánea de Galicia. O asasinato de Alexandre Bóveda foi un dos momentos máis dolorosas da vida de Galicia. A sesenta e seis anos de distancia, a figura de Bóveda ten cada día máis admiradores e devotos. Se as décadas oitenta e noventa foron as da recuperación de Castelao, habería que dispoñer o necesario para que o 2003 resultase o ano da definiva recuperación de Alexandre Bóveda. No 2003 cúmprese o centenario do seu nacemento. Mal que ben, os organismos públicos foron aceptando a Castelao. Incluso loado e aclamado en ángulos oficiais, que serían hoxe os seus adversarios máis acérrimos. Bóveda, en cambio, mantense marxinado a toda costa. Algúns concellos tomaron a iniciativa do desagravio e rehabilitación. Ou a petición de que o seu proceso sexa revocado. Ninguén responde. Ninguén entende a necesidade que Galicia posúe de que Bóveda sexa elevado á homenaxe que o país lle debe. Agora que están de moda os itinerarios culturais e literarios, sería oportuno crear, tamén, o itinerario de Alexandre Bóveda. Desde a derradeira chegada a Pontevedra. Ou desde que o prenderon o 20 de xullo de 1936. Polo monte Fracha de San Martiño de Xustáns, onde se lle quería aplicar a lei de fugas. Na prisión de Pontecaldelas. No cárcere de Caldas de Reis. No calvario de Poio e da Caeira. Máis que itinerario, víacrucis. Se Bóveda morrese no bando sublevado, hoxe sería un santo seguramente colocado nos altares. Claro que a sociedade civil galega non necesita santos de igrexa para proseguir a súa causa. Necesita exemplos humanos de valor permanente. Necesita guieiros. Necesita fachos iluminadores. Bóveda é un deles. Bóveda coñecerá toda a gratitude de Galicia no 2003. Non se pode glosar a figura de Bóveda sen aludir a Castelao. Nin viceversa. Precisamente Castelao dixo de Bóveda as palabras máis acertadas e limpas para o amigo e colaborador. ¿Quen foi colaborador de quen? ¿Bóveda de Castelao? ¿Castelao de Bóveda? Tanto monta. En ‘Sempre en Galiza’ Castelao escribiu de Bóveda moitas cousas boas. Destaca este parágrafo: "A miña saudade aínda quixo visitar devotamente os moitos cemiterios de Galicia onde dormen os derradeiros Mártires da Liberdade, en número incontable. A miña imaxinación viu unha fogueira en cada cemiterio, como outros tantos clamores de xustiza. Pero no de Pontevedra viu unha labarada que chegaba ata o ceo. Era o lume do espírito de Bóveda, que non figura na Santa Compaña dos inmortais, porque non pertence á Historia senón á Tradición, en aroma de lenda. Bóveda terá de ser nun mañá próximo ou lonxano, a bandeira da nosa Redención". ¡Martir da Liberdade! ¡Bandeira da nosa Redención! ¡Que fermosos eloxios de Castelao na Alba de Gloria! ¿Acaso chegou ou está a chegar ese mañá da Redención do que falara Castelao? ¿Será o 2003 o ano da Redención de Galicia para coincidir co Ano de Bóveda? ¿Que se pode facer para impedir ou evitar a indiferencia das institucións públicas e privadas? ¿Proclamar o Ano Institucional de Alexandre Bóveda, como se fixo con Castelao ou Murguía, por só citar dous casos ben recentes? ¿Reducir os ámbitos da celebración a determinadas forzas políticas, por lícito e lexítimo que sexa? ¿Non acadará Galicia un pouco máis de conscienciación na reivindicación dos seus dereitos? ¿É Bóveda un estorbo para certos próceres? ¿É Bóveda unha voz que lle lembra á cidadanía uns episodios cheos de iniquidades e atropelos? ¿Que diría hoxe Alexandre Bóveda desta Galicia que tanto nos doe? Castelao fala de ‘Mártires da Liberdade, en número incontable’. Á mente do cronista ven outros episodios de sacrificio e inmolación que acaso se poidan recordar coa sagrada evocación de Alexandre Bóveda. Aqueles mártires ofrendados á civilización ó longo da guerra civil. En Galicia a guerra civil foi especialmente dura na retagarda de vilas e cidades. Represión e vinganza promovidas por tipos aberrantes e monstruosos. Abxectos, infames e malvados. Hai segredos que eses executores levaron á tumba. O sistema de ameazas que xeou o corazón da xente, especialmente do pago rural. Dicíanlles ós fillos: "Teu pai foi un mal home, un comunista, un masón, un ateo, un vendido a Rusia". Así, unha e outra vez, ata o aborrecemento. Eso explica que nalgunhas familias, o pai, a víctima, fose executada polos propios sicarios do seu fillo. O método empregado coa esposa-nai era a intimidación: Ou calas ou correrás a mesma sorte. Hoxe van revelándose algúns enigmas. O herdeiros e testemuñas están decididos a contar cousas. Non para vindicar, senón para recuperar o nome dos proxenitores calumniados e sacrificados. Entran en escena os netos e os bisnetos, liberados totalmente das secuelas da guerra civil. Todas as guerras civís son crueis e inhumanas. Concluído o conflicto, os vencedores elaboran un plan reparador para curar feridas e ofensas. O plan pode durar cinco ou seis anos. En España, non. Non só se afondou no enfrontamento radical de ideoloxías e doutrinas, senón que se impuxo o silencio do medo e do terror. O plan de represalias e castigos durou en España catro décadas. A solidariedade era un vocábulo maldito e prohibido. Deixounos marcados para sempre. Xunto a Bóveda hai unha serie de persoeiros e preclaros fillos do país que padeceron o martirio pola liberdade e as nobres causas de Galicia. Por onde pasaron deiraron ronseis de ben e altruísmo. Sementaron o amor e a xenerosidade. Se houbese que inscribilos a todos baixo un epígrafe común para un presunto santoral civil, o epígrafe sería: Alexandre Bóveda e compañeiros mártires. A festa cidadá, o 17 de agosto. Bautizado oportunamente como o Día da Galicia Mártir. Bramaba Arcadio López Casanova no soneto ‘Prego por Galicia no cabo dun ano’: "Unha vendima máis e cantas levas, / muda terra no pranto encarcerada; / un pouso máis de sombra en ti calada / segues aínda, Galicia, entrelas trevas"... Arcadio López Casanova escribía estes versos en 1967. Compróbose que pouco variou o panorama.

Os persoeiros e preclaros fillos que padeceron o martirio pola liberdade e as nobres causas de Galicia son case infinitos. A maioría, anónimos. A advocación do martiroloxio ‘Alexandre Bóveda e compañeiros mártires’ podería situarse o 17 dos espléndidos agostos de Galicia. Erguerlles a todos eles un monumento de gratitude parece labor fundamental. No curuto dun monte simbólico como o Pico Sagro ou o Pedroso. O Aloia. O Lobeira de Arousa ou o Xiabre. Desde onde se puidese contemplar a súa estampa branca de paz e convivencia. Na base do enorme monolito deberían figurar os nomes de todos os mártires de 1936-37-38. Cada ano, no Día da Galicia Mártir, acudiría a cidadanía para rememorar a súa fama e crédito. As súas proezas benfeitoras. Non se trata de empresas ou fazañas realizadas exclusivamente no nome de Galicia, que tamén as hai. Ben se sabe e comprende que numerosos mártires non morreron especificamente por Galicia. Morreron polo progreso e polo futuro. Morreron por profesar unha doutrina. Morreron por defender un ideal. Morreron por lles abrir un camiño de esperanza á súa xente. Morreron por ser fieis a uns principios e a un credo nos que confiaban. Morreron contra a opresión. Contra a escravitude, a submisión, a tiranía. Acaso neses atributos radique a transcendencia que nos debe atinxir a todos hoxe. A sesenta e seis anos de distancia. O cronista pide perdón por citar tantos nomes benqueridos e omitir outros dos que carece de noticia. En todo caso, sería o persoal tributo de reverencia e amizade. Loor para os dous protomártires, Camilo Díaz Baliño e Sixto Aguirre, asasinados tras un periplo de preludio infernal, nunha paraxe de San Mamede de Coence, Palas de Rei. Era o amencer do 14 de agosto de 1936. Loor para Ánxel Casal Gosenxe, asasinado en Cacheiras, Teo, o 19 de agosto de 1936. Loor para Xoán Xesús González, canteiro de Cerqueril-Cuntis. Mestre, xornalista e dirixente sindical. Fundador da ‘Unión Socialista Galega’. González, prodixio de superación, púxose á fronte dos mineiros de Lousame para marchar sobre a Coruña. Tiveron que retroceder. Asasinado nas tapias de Boisaca o 21 de agosto. Xoán Xesús González é autor de varias novelas, entre elas, unha curiosísima titulada ‘A modelo de Paco Asorey’, publicada en 1933. Loor para Narciso Vidal Fraga, de Padrón. Avogado e profesor de Lóxica e Psicoloxía. Presidente do Centro Republicano de Santiago. Asasinado. Para Andrés Rey Baltar, de Padrón. Asasinado. Para Francisco Carballo, gobernador civil da Coruña. Asasinado. Para Adolfo ‘O Carabinero’, de Padrón. Asasinado. Para Ramón Carbia, alcalde de Valga. Asasinado. Para os curmáns Insua de Rianxo, Manuel Rodríguez Castelao e Xosé Losada Castelao, de Rianxo, sadicamente mortos no bou Eva, no peirao de Vigo, en 1937. Asasinados. Para Xaime Quintanilla Martínez, alcalde de Ferrol. Un médico ilustre e popular, paseado o 17 de agosto de 1936. Asasinado. Para Matías Useo Torrente, sacerdote, amigo e compañeiro de Quintanilla, singular protagonista da vida de Ferrol. Fusilado o 20 de agosto. Asasinado. Loor eterno para Amancio Caamaño, presidente da Deputación de Pontevedra, amigo de Bóveda e Castelao. Asasinado. Loor tamén para Víctor Casas Rey, administrador de ‘A Nosa Terra’. Liberado do PG. Fusilado o 12 de novembro de 1936 na Caeira-Poio. Asasinado. Para Paulo Novás, mestre da Escola Graduada de Pontevedra. Asasinado. Para Gonzalo Martín March, compañeiro do anterior na Graduada de Pontevedra e gobernador civil de Ourense, executado o 10 de setembro. Asasinado. Para Ramiro Paz e Poza Covas, ambos de Pontevedra. Asasinados. Para o dentista Svasky, que se oufanaba da súa ascendencia rusa. Asasinado. Para Xoán Carballeira, poeta e xornalista, alcalde de Bueu. Asasinado. Para Jorge Echeverri, médico e alcalde de Cangas do Morrazo. Asasinado. Para Telmo Bernárdez, médico, alcalde de Redondela. Asasinado. Loor para Henrique Heraclio Botana e Eugenio Arbones Castellanzuelo, deputados nas Constituíntes de 1931, fusilados en Vigo. Asasinados. Para José Gómez Osorio, secretario da UXT e derradeiro gobernador civil republicano de Madrid, fusilado na capital de España. Asasinado. Para Henrique Blein, alcalde de Vigo. Asasinado. Para Martín Echegaray, fillo do propietario da illa de Toralla. Asasinado. Para Modesto Pasín, fillo do famoso tallista de Santiago. Asasinado. Para os Listes de Calo, irmáns do xeneral. Asasinados. Para O Nécoras, personaxe popularísimo e revolucionario. Dormía bébedo a carón da vía do tren e alí foi rematado polas costas. Asasinado. Para o poeta e xornalista Roberto Blanco Torres, gobernador civil de Palencia. Executado o 2 de outubro de 1936. Asasinado. Loor eterno para Darío Álvarez Limeses, poeta e xornalista, fusilado tras un xuizo sumarísimo na madrugada do 30 de outubro de 1936. Para Xerardo Álvarez Limeses, irmán de Darío. Asasinados. Para Andrés Dourado Ces, alias Eduardo o Barbeiro, rematado en Santa María de Xanza-Valga. Para O Calador, a quen lle aplicaron a lei de fugas na Escravitude-Padrón. Asasinado. Para Manuel Lustres Rivas, vergonzosa e infamemente esquecido polo consistorio de Santa Uxía de Ribeira. Xornalista, contertulio e biógrafo de Castelao e amigo de Vicente Risco. Fusilado en Vigo en outubro de 1936. Asasinado. Estes son os mártires a quen se dedica esta memoria nas laudes funerais pero gloriosas de Alexandre Bóveda. Faltan aquí infinidade de mártires galegos de 1936. Non é posible incluílos nesta apresurada relación porque, entre outras causas, carece o cronista de noticias. "Infinita moitedume de luciñas e vagalumes o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre", como quería Castelao.
Na lembranza dos Mártires de Galicia, a ‘Canción de amor á Terra’, de Darío Xoán Cabana que remata:

"¡Terra ó carón e lonxe desde sempre,
filla e nai dos labregos que te labran!
¡Terra humana, ferida e latexante,
terra de promisión nunca acadada!"...

Sem comentários: