"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

A necesidade de diarios galegos

| terça-feira, dezembro 18, 2007
A Peneira, outubro 2007.

A necesidade de diarios galegos

Hai relativamente pouco saíu nos quioscos un novo xornal de ámbito estatal: Público. Eu merqueino en catro ou cinco ocasións, con motivo duns DVD que regalaban coa compra do periódico (custa 50 céntimos). En principio, así por riba, vinlle cousas interesantes e apartados nos que lles cómpre mellorar. O seu vistoso deseño e que sexa a toda cor é un punto, así como as seccións de Ciencia, Historia ou Medio Ambiente. Pola contra é bastante frouxo en seccións chaves como España ou Internacional.

O caso é que o nacemento de Público fíxome reflexionar sobre a situación en Galiza, e por máis que pensei, non din atopado un xornal de saída diaria que sexa galego. Chegado este punto teño que facer unha aclaración: na miña modesta opinión, un xornal, para ser galego, ten que estar escrito en galego (creo que cae de caixón) e ter un marcado sotaque galego. Mais a meirande parte dos diarios de Galiza (cando menos os de maior tirada) están escritos case en exclusiva en castelán, empregando o galego un pouquechiño, o suficiente para conseguir a subvención da Xunta. Si, xa sei que a veces se lucen e sacan unha colección en galego (obras literarias, enciclopedia...), mais isto é esmola.

O máis semellante que din atopado a un diario referencia para os galegos, até o de agora, é: A Nosa Terra (non é diario), A Peneira (non é diario), Vieiros (só na internet) e De luns a Venres (un gratuíto que como o seu nome indica non se publica nin sábados nin domingos).

Quizais sexa o momento para a irrupción dun xornal galego, en galego e para galegos. Quizais un novo ou un dos que antes citei. Aínda que os nosos empresarios (os que realmente teñen o poder de levar adiante estas cousas) de momento semellan felices facendo carreira na corte de Madrid.

Mais... quen sabe? Pode que A Peneira sexa o próximo referente do xornalismo galego.


Actualización: A Nosa Terra cando menos agora renova a súa web a diario, e ten bastante boa pinta.

Tamén temos o Galicia-Hoxe, aínda que veña con esa cousa chamada El Correo Gallego sexa tan minoritario que nin sequera o teña visto en quiosco ningún.

4 comentários:

Anónimo disse...

Si, é unha eiva deste País non termos cando menos un xornal galego no sentido que dis. Intentos houbo varios pero non chegaron a agromar. un deles foi o non nato diario "Galicia" no que andaba detras Isaac Díaz Pardo. Hai uns poucos anos estaba o proxecto de "Edicións de Referencia" que tamén ficou en nada. Hai como un par de anos estaba o intento de sacar Xornal.com como diario en papel co grupo San José detras (os que agora entraron n'A Nosa Terra), este ía ser un diario metade en galego e metade en español, pero nin por esas. En fin, será que o País non dá para máis, ou que o sectarismo non permitiu xuntar esforzos, ou quizais un pouco de todo, quen sabe.
Galicia Hoxe creo que non se vende con El correo Gallego, o que se vende con este é El Inmundo, perdón El Mundo. Non se sabe ben se regalan El Mundo Con El Correo, ou El Correo con El Mundo. Respecto a Galicia Hoxe non adoito lelo pero sei que ten boas colaboracións e coñezo unha revista que sacan cada dous ou tres meses que se chama GPS (galicia por seccións)
Tudense.

Alberte disse...

Pois tes razón, El Correo Gallego véndese con El Mundo, non sei como se me foi a pinza así, xa que moito teño visto os dous xornais no seu plástico na casa dalgún parente.

Sabía do intento de Xornal.com, de feito sacaron en papel o xornal para o partido Galicia-Ecuador, ó igual que Vieiros no Galicia-Uruguai (os dous os teño gardados).

En fin... erro subsanado, un saúdo.

Mararía disse...

O diario "A Nosa Terra", fai menos dun mes que preguntei na miña librería habitual, por curiosidade, cántos exemplares traía dese periódico. Díxome que dous e por encargo!!!! Ése é o interese real que temos os galegos por cuidar do noso patrimonio lingüístico.

Anónimo disse...

Me encanta que haya bitacoras en gallego, feliz año