"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

Municipais07: Espectacular e inesperado resultado en Salceda de Caselas

| segunda-feira, maio 28, 2007
Impresionante. Non atopo outro adxectivo para definir a inesperada vitoria do BNG en Salceda. Como sabedes, o meu prognóstico ía como máximo a que o BNG máis o PSOE sumaran o suficiente como para arrebatarlle a maioría absoluta ó PP (e sendo optimistas). Está claro que non contaba con que fora o BNG e gañara.

Calculara que o PP perdería 10 puntos porcentuais (obtendo ó redor do 45%), acadando 6 concelleiros. A realidade foi moito pior para os pepeiros: caeu 17 puntos (obtendo o 38.8%) conseguindo 5 concelleiros. Terá que reflexionar o PP que fixo mal e que non fixo ben. Eu convidaríalles a reflexionar, de comezo, sobre as listas que presentaban.

O BNG aumentou de xeito notable. Augureilles un 32% e 4 concelleiros, pero acadaron o 43.58% e 6 concelleiros, a un da maioría absoluta. Polo tanto Marcos Besada (ATS, 32 anos) será o novo alcalde. Teño que recoñecer que as listas do BNG lles axudaron moito, presentando xente nova e formada, que é o que Salceda necesita.

O PSOE non subiu tanto como agardaba. Finalmente acadou o 16.67% dos votos e 2 concelleiros, un aceptable resultado.

Á vista dos resultados aventúrase unha nova xeira en Salceda de Caselas. Agardo que vaia todo o mellor posible nestes catro anos e Salceda avance no social, na mobilidade, nas infraestruturas, na educación, no medio ambiente, na cultura e en todo no que haxa que avanzar. Moita sorte ó novo equipo de goberno.



Nos comentarios fixen tamén o prognóstico para O Porriño e para Tui, aínda que non controlara moito ó pulso político que hai alí, habendo ademais, para maios complicación, partidos independentes que son difíciles de predicir.

No Porriño apostaba polos 6 concelleiros para o PP, pero contentáronse con 4. Confiaba nunha suba para o BNG de Raúl Francés ata os 4 concelleiros, pero finalmente acadaron uns mellores 5 concelleiros. Acertei (milagre) co resultado do PSOE, xa que obtivo 3 concelleiros. Independentes por Porriño acadaron 2 pese ós 3 concelleiros que prognostiquei. E apareceu outro partido independente (o CXP) que conseguiu 3 concelleiros.

En Tui a cousa foi mal para esquerda. En primeiro lugar adiviñei os concelleiros do PP (7), así como os do BNG (2). Apostara por 3 para PSOE, mais quedou en 2. O resto do pastel foi para AT (4) e para T.U.I. (2).

2 comentários:

Anónimo disse...

Noraboa por terdes cambiado de alcalde: calquera o faría mellor, pero confiemos en que o novo o faga realmente ben :-)

Alberte disse...

Grazas, eu tamén agardo o mesmo e de seguro vaino facer mellor que antes.