"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

A banalización da lectura

| terça-feira, março 13, 2007
Eiquí mostro o primeiro artigo que publiquei no xornal A Peneira (xaneiro 2007). A ver que opinión vos merece. Tentarei ir mostrando cada mes un artigo, polo que irá con dous meses de retraso. Os vosos comentarios son de grande importancia.

A banalización da lectura

Nestes intres de homoxeneización das tendencias, a lectura comeza a converterse nunha forma de estar á última, seguindo os derradeiros designios dos medios de comunicación, potenciados polo fenómeno boca-orella.

Levar o libro do momento para ler no autobús ou no tren, é xa case tan habitual como portar un MP3. Mais non é menos habitual que estes libros, na meirande parte cheos de oportunismo, sexan de moi baixo nivel de calidade ou teñan un fugaz éxito.

De tal xeito desfilaron ante os nosos desvalidos ollos libros de nefasta calidade literaria como O Código Da Vinci en particular e todos os de Dan Brown en xeral; libros oportunistas, editados grazas á popularidade do seu autor no momento, como Un día de perros de Hugh Laurie (o doutor House), ou a grande maioría dos libros de memorias, como o de Ana María Ríos e diversas “celebridades” do mundo da prensa amarela, mal chamada prensa rosa.

Libros fugaces, de consumo rápido, que caen no esquecemento con áxil facilidade.

No ámbito de noso hai quen avoga pola chegada destes tipos de libros ó panorama editorial galego, para que se produza unha suposta normalización lingüística que achegue novos lectores. Este suposto ten dúas visións: a positiva sería o maior número de vendas de libros en galego, o que produciría o aumento da edición de libros en galego de calidade; e a negativa sería o abafamento da literatura en galego, ademais da expulsión dos libros que non vendan, dos curtos andeis adicados ó galego nos grandes almacéns.

1 comentário:

Anónimo disse...

Os procesos da racionalidade instrumental chegan ao eido da producción literaria. Eses libros dos que vostede fala, en non moito tempo, serán unha mercancia resultado da racionalización da producción. Marcaranse os temas, mediante sondaxes o lectorado, así será posibel adiantarse ao gusto dos clientes, e con ese mínimo adiantemente será posibel marcarlle a pauta, presentarlle un libro que trate daquelo que xeraron as expectativas marcdadas previamente. A temática entón marcaraa o mercado, accederemos así a unha literatura verdadeiramente democrática. Segundo A elavoración do libro farase por partes, encargaraselle a parte erótica a un escritor especialista, a parte de acción a outro autor resulton e así ata o momento do empaste realizado por autores especialistas que funcionaran como directores de arte nunha pelicula. O resultado: a tan anunciada en outro tempo morte do autor. Xurdirán novas profesións, pornógrafo, accionómetro, fisionador de fragmentos, productor literario..... Logo xurdirá ese programa que tranformara un argumento en texto, iranse dandolle entrada as caracteristicas das escenas, e finalmente cada cliente poder convertirse nun escritor, e incluso visualizar o resultado. Os procesos de democratización na producción artística que permite a tecnoloxia e a raccionalización da producción son tremendos. O problema vai ser producir experiencia estética, detectala, non esquecer de que tipo de experiencia se trata, porque desgraciadamente disimulase demasiado baixo a estetización da vida cotidiana.
O problema é este, o esquecemento da experiencia estética,e a súa sustitución pola estetización rutinaria.
Pero xa se sabe...xurdirán novas igrexas da autenticidade, disidentes, desobedientes,insurrectos. E se esto non sucede, estaríamos verdadeiramente en tempos postmetafísicos, en tempos perdidos, fora do xogo, condeados ao inferno da repetición das esperiencias vividas, tedío, hipocirta lector, que soña con cadalsos, mal.
As obras de arte portan unha promesa de felicidade, de ben, pairan no que aínda non é, pero presentase prefigurado, na realidade do feito de imaxinar, e pode verse, tocarse, sentirse, construirse nunha totalidade, completude dende o principio da súa enunciación, porque dí verdade, e quere sombra.
L.P.