
Como dicía el, os beneficios das centrais eólicas ou hidroeléctricas teñen que repercutir na zona onde están a destrozar a paisaxe, na nosa natureza. Xa sabemos que tivemos unha política durante case 20 anos que era todo o contrario (véxase o modelo do río Xallas, co que se enriquece Villar-Mir).
Xa teño dito neste blog que a limpeza do monte pode ser aproveitada para a produción de biomasa, fonte de enerxía renovable e non contaminante. Creo eu que aproveitando ben o monte case tódolos pobos galegos poderían beneficiarse desta enerxía, que ten en Galiza un dos seus mellores lugares para ser aplicada.
Esta limpeza do monte debe ser feita tamén polos cabalos salvaxes e, sobre todo, polos rabaños e polo gando dos veciños. Aquí é perfectamente aplicable esta medida. Noutros sitios o fan aínda que lles sexa moi difícil: non sei onde vira que nun concello catalán (creo) regaláronlle unha casa onde vivir a un pastor andaluz (creo) para que co seu rabaño lles limpara o monte e ter así un monte co que poder interactuar e estar máis seguros ante posibles incendios.

Estamos nun momento importante, segundo recuperemos o noso monte así o imos desfrutar. E outra cousa: nin un só eucalipto máis, temos especies autóctonas de sobra para reforestar.
Para ler a opinión sobre o problema e a solución da man de xente máis experta que eu, descarga o pdf ofrecido dende o Consello da Cultura.
Sem comentários:
Enviar um comentário