"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

Galiza está que ferve

| sábado, junho 13, 2009
Galiza é un fervedoiro, e non só polo conflito do metal, os ERE de Pascual ou o de Caramelo. A pesar de non se notar nas eleccións europeas, Galiza ferve, e ten motivos.

E é que o goberno unipartito de Feijóo, que chegou ó poder sen ningunha proposta (as poucas que tiñan xa as incumpriron, como a da austeridade), está a actuar sobre a marcha, e colleuna coa lingua de noso, o galego. E pouco teño que engadir ó que se escribiu nestas últimas semanas por parte de xornalistas, blogueiros, asociacións ou colectivos.

Primeiramente farei un resumo da situación: o conselleiro de educación, Jesús Vázquez, ten a intención de elimina-lo decreto do galego, e para ilo ocorréuselle mandar unha enquisa ós pais dos que teñen fillos na actualidade no sistema educativo (porque non ós que os van ter o ano que vén?), para enceta-lo seu novo plan, que xa conta coa oposición frontal de BNG e PSOE (de aprobarse, pois, sería outra promesa incumprida do señor Feijóo). Ademais da absoluta ilegalidade que conleva este feito, asaltan ducias de dúbidas: os pais de tres fillos poden votar tres veces ou o seu voto conta 3 veces máis cós dos que teñen un? Que seguridade hai de que o inquérito, nun papel sen ningún tipo seguridade, sen censos, sen recontos, non sexa manipulado? Calquera podería elimina-los papeis completados e poñerse a facer unha chea de papeis cos resultados ó seu gusto e presentalos como enviados polos pais. Sería imposible sabelo. A parte diso, para mante-lo nivel de galego que hai na actualidade nas escolas e institutos habería que poñer "a maioría en galego" ou "todo en galego". Salienta-lo científico da enquisa: entre outras opcións a escoller está "unhas [asignaturas] en galego, outras en castelán", si señor, moi científico. Tamén chama a atención que non haxa unha opción que poña "mante-lo decreto actual, aprobado por maioría no Parlamento de Galiza". Tamén ten chiste que a parte escrita en galego conteña erros de ortografía. Ademais, o custe desta enquisa ilegal será de 70 mil euros por día (u-la austeridade?). Todo isto parece coña, desgraciadamente non o é, e para culminalo dende a consellería prohibiuse a información sobre o inquérito nos centros de ensino. Viva a democracia! Confiemos en que, todo este despropósito sexa rexeitado pola xustiza, como en virtude debe ser.

Pero todo isto, serviu de algo, e é que a cidadanía ferve. A manifestación a prol do galego do 17 de maio, foi a meirande manifestación en defensa do galego da Historia, e dende o espírito de Nunca Máis non se via nada semellante. Tamén se pronunciaron a prol do galego estudantes no estranxeiro, cuxo manifesto conta con 217 adhesións, tamén científicos galegos que traballan no CERN, a institución científica máis prestixiosa do mundo, fixeron un manifesto en resposta a unhas declaracións galegófobas do voceiro da Congapa, que dicía que as matemáticas e as químicas non poden darse en galego, por ser un retroceso, debido a que estas asignaturas conteñen moitas nomenclaturas internacionais (como se as nomenclaturas internacionais fosen en castelán!). Pero sigamos: as equipas de normalización lingüística, os sindicatos e diversas organizacións tamén realizaron un manifesto incidindo na ilegalidade da consulta e a vixencia do actual decreto. Tamén o departamento de galego da USC, lanzou o seu manifesto, do mesmo xeito cá Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a Nova Escola Galega, ILG, RAG, AELG, cidadáns (1), curas, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, así como o seu departamento de Filoloxía galega e latina, o departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña mestres galegos da Universitat Autònoma de Barcelona e mesmo mestres de lingua castelá. Lanzouse tamén un tríptico para informar ós pais, titulado As linguas suman, e escribíronse fermosos artigos coma os de Manuel Rivas ou Henrique Monteagudo en páxinas do xornal El País, ou discursos coma o de Agustín Fernández Paz durante os Premios Xerais. Naceu tamén unha plataforma con vontade plural, denominada ProLingua.

En definitiva, a sociedade galega está en pé de guerra contra o goberno Feijóo. Participemos todos desta pequena revolución.

Máis anotacións de interese: Restar para eliminar, Monolingüismo, La libertad como pretexto, ¡Gracias, Androcles!, Fausto e Mefistófeles, Dúbidas, Cando Flaubert falou de 'merde', Que parezca una decisión democrática, Carta duns pais, Breve dossier sobre os ataques á lingua e á cultura galegas, Que boíños son!, Exasperación galegófoba, Acúsome seriamente.

Este artigo apareceu, en versión algo resumida, n'A Peneira, segunda quincena de xuño.

2 comentários:

Ninsesabe disse...

A sociedade está que ferve, pode ser, pero no seu momento votou o que votou.
Así que, a joderse e amar a Cristo, como decía aquel cura...

Alberte disse...

No país perfecto que teño na cachola, a presión dos galegos faise tan grande que a consellaría ten que recuar, as protestas increméntanse e Núñez Feijoo dimite e convoca eleccións anticipadas.

Evidentemente todo iso non vai pasar, pero o primeiro por que non. Non creo que a actitude sexa a de aguantarse, podemos conseguir cousas se pasamos a modo activo. Imos ver en que remata, eu creo que van ilegaliza-la consulta.