"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

Reflexións dun que xa votou

| sábado, fevereiro 21, 2009
Pois si, coma en anos anteriores xa votei, por correo, como emigrante nun país estranxeiro (España) que son. E nesta ocasión mudei por vez primeira o meu voto, xa que as tres veces anteriores votara ó Bloque. Desta vez votei á Frente Popular Galega (FPG), aínda que indeciso bastante tempo.


"E como votas a eses que non van saír elixidos?" Si, seino, moi probablemente non van obter representación parlamentaria, pero o argumento do voto útil non me convence, prefiro votar en conciencia. Certamente, creo moi necesaria para a democracia no noso país a presenza dunha oposición de esquerdas, para empurrar ó goberno galego cara actuacións transformadoras e mesmo revolucionarias (algo que en Galiza fai moita falta, unha revolución que remate definitivamente co cheiro carca e reaccionario).

Esta última lexislatura, trouxo consigo un cambio innegable, pero foi pouco profundo, sobre todo no que ó PSOE concerne (alguén lembra, así sen tirar de internet, algunha medida importante dalgunha consellaría do PSOE?). O Bloque foi o que máis fixo no goberno (cousa ben doada), e nas súas filas está, para min o mellor conselleiro do goberno, Suárez Canal. Claro, sabendo que case seguro van saír as 3 forzas que están agora no parlamento, a tentación de votar ós máis decentes é forte. O BNG continúa a verse como unha forza diferente das outras dúas, dun PSOE sen carisma nin actuacións salientables, e dun PP botado ó monte que participa de manifestacións pro-apartheid xunto con UPD, Falange e mais "Galicia Bilingüe", a cal é a maior aberración que vin en tódolos anos da miña vida na nosa terra. Por iso considero que o BNG subirá (un par de escanos ou así, aínda que algúns poderes mediáticos están dándoo todo para evitalo), mais as cousas seguirán pouco máis ou menos como agora, xa que os trocos de mentalidade en Galiza van amodo.

Pero o meu voto fágoo pensando no futuro, para dar alicerces a unha forza de esquerdas, comunista e independentista, que a base de ir mellorando resultados poida convertirse canto antes nunha forza con representación parlamentar. Como xa dixen, considéroo imprescindible, e a verdade, faríame ilusión ver a Ferrín dando caña no parlamento. Aínda que só sexa para non ter unha lexislatura tan aburrida como a anterior.

Podedes ve-lo programa eleitoral da FPG aquí.
O do BNG é un "chisco" máis longo.

Para rematar eis aquí o meu prognóstico para as eleccións:

  • PP: 34
  • PSOE: 26
  • BNG: 15
  • FPG: ó redor de 6.000 votos

4 comentários:

Anónimo disse...

eu, por contra, volverei votar bng
(a única vez que mudei foi cando desapareceu esquerda galega) saúdos

Ninsesabe disse...

Non sei eu se non serás moi optimista nas túas previsións. Se acertas, non estaría nada mal, a pesares de todo canto dis.
De calquer xeito, eu estou bastante decepcionado.

A Conxurada disse...

A verdade é que por primeira vez tiven as miñas dúvidas, (eu tamén votei por correo), pero ao final volvín votar ao BNG, eso si...sigo sen estar convencida, e para as próximas eleccións, dependendo de como vaia esta lexislatura igual é o momento de cambiar o meu voto.

Alberte disse...

Certamente, os outros dous partidos diferentes do Bloque están dando pena na campaña. Uns utilizando fotos de 2005 para non sei o que (se é o peor que atoparon contra Quintana é que o Quin é mellor do que parece) mentres están involucrados nunha tremenda trama corrupta e os outros apuntándose tamén a que se está a impoñe-lo galego. A verdade é que entendo perfectamente a quen vota BNG.