Nada máis ver as primeiras sondaxes que se publicaron ás 20:00 marchei a todo correr para coller o metro e chegar a tempo á cita cos colegas. As enquisas a pé de urna daban ó BNG entre 1 e 2 escanos, e a de TVE daba a IU de 2 a 3. Pois así ía eu no metro, pensando que as eleccións podían ser o maior éxito da dereita que xamais vin (como finalmente resultou). Chegando 5 minutos tarde á cita imos directos a un bar a tomar algo, mentres polas 3 televisións do lugar botaban o Valencia-Depor e posteriormente o Vilareal-Barça. Xa máis tarde imos comer algo a unha pizzaría sen televisión, polo que até as 23:00 somos uns completos ignorantes do resultado electoral. Para coñecer os resultados achegámonos a Génova (si, que pasa), onde tiñan unha pantalla xigante conectada con Telemadrid, onde daban os resultados co 90% escrutado. Mentres se sucedían as caras de Isabel San Sebastián, Curri e demais, a xente aplaudía o rótulo que dicía que o PP subía 7 (finalmente non foron tantos), calaban cando miraban a suba do PSOE, e aplaudían o descalabro de IU e ERC. Eu pola miña banda, deixei escapar uns signos de alegría cando vin que o BNG mantiña os dous deputados. E así proseguimos un rato, comentando un pouco as cousas, a xente empezaba a mirarnos mal mentres se erguían cánticos de Zapatero dimisión (éche o que teñen os "demócratas de toda la vida", que aceptan deseguido os resultados). A verdade é que había moito exaltado, pero a maioría da xente tentaba aparentar felicidade e ledicia, mais non todos puideron conter as bágoas. Ante a posibilidade de que empezaran a mirarnos aínda peor, e despois de termos visto en directo a Pilar Rubio, decidimos liscar, e fixemos ben.
Xusto cando camiñaramos unhas rúas, para ir á estación de metro para achegarnos a Argüelles e ir a Ferraz, escoitamos que iniciaba a súa intervención Mariano Rajoy. Aínda así decidimos marchar. Cando chegamos a Argüelles xa marchaba moita xente coas bandeirolas do PSOE: rematara a intervención de Zapatero (merda, perdinme as dúas). Aínda así imos alá, collemos a edición especial de Público e agarramos unhas bandeirolas. O ambiente era moito mellor, os cánticos eran de "ista, ista, ista, España socialista!". Tamén puiden ver unha bandeira republicana e outra do Che... xa vedes, alguén queda no PSOE. Ante os berros para que volvera saír Zapatero finalmente saíu de la Vega, ante o estrépito xeral. Pouco despois decidimos marchar á nosa casa, eu particularmente a botarlle un vistazo ós resultados pormenorizadamente na internete.
Sen dúbida, no ámbito estatal as eleccións resultaron dun dos peores xeitos dos que puideron resultar: sube a dereita, descalábrase a esquerda (IU pasa ó grupo mixto, ERC perde 5, EA e CHA desaparecen, e aparece o partido dereitista ultra-nacionalista UPyD). En Galiza baixa o PP, sube o PSOE e o BNG mantense. No meu pobo baixa o PP (do 57,04% ó 51,62%), sube o PSOE (do 26,21% ó 27,2%), o BNG sube (do 14,02% ó 18,5%) e... sube IU (do 0,71% ó 0,73%).
Xa pasara tempo dende aquelas infiltracións miñas nas manifas da AVT, estivo ben a experiencia. Creo que veñen tempos nos que vou ter moito onde elixir para volver infiltrarme, xa que me temo que vai ser máis do mesmo, ou peor.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário