"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

No tomar e dar fácil é errar

| terça-feira, janeiro 22, 2008
A Peneira, novembro 2007.

No tomar e dar fácil é errar


Seguindo o tema do mes pasado, que poderiamos cualificar de “o galego nos medios” ou “os medios no galego”, vimos de coñecer a reclamación que o BNG, por voz de Bieito Lobeira, fixo no Parlamento galego. Foi o 26 de outubro, e viña a dicir que xa abonda de dar subvencións por empregar o galego ós xornais que non o utilizan. A boas horas... tarde piaches. Agora xa é tarde para recuperar os nosos cartos, gastados en axudar ós grandes medios de comunicación de Galiza para seguir deixando o galego no curruncho de sempre.

E é que o Sindicato de Xornalistas de Galicia vén denunciando, dende hai tempo, que non hai liberdade para informar no idioma galego. Segundo propias declaracións moitos afiliados do seu sindicato queren escribir máis na lingua propia pero non se lles deixa debido ás políticas empresarias, chegando incluso a ter que traducir entrevistas e declaracións entrecomiñadas do galego para o castelán.

É así que un informe realizado por 10 estudantes de xornalismo concluíu que os xornais de maior difusión do país utilizan tan só o galego nun 4% das súas informacións, sendo o restante 96% para o castelán. E a estes medios lles estabamos regalando os cartos. Eu xa non digo que se lles retire as subvencións, eu digo que nos devolvan os cartos, xa que non cumpriron co motivo polo que lles deron tal subvención. As axudas do goberno galego teñen que ir para os que respectan i empregan o galego decote. Para os que o prestixian e o normalizan. Foron demasiados anos de tirar o diñeiro, xa que no tomar e dar fácil é errar.

4 comentários:

Mararía disse...

Unha vergoña. Cando dan subvencións suponse que hai un seguimento para ver si se cumpren os requisitos ou non, que normalmente son requisitos que han de continuar no tempo, pero están todos enmerdados.

Únome, que devolvan os cartos e porsuposto que non se lle dan máis subvencións no futuro.

Anónimo disse...

O diñeiro que tería que ir para a normalización do idioma vai dirixida a celebracións, a estudos e tamén a comprar vontades. Este último é o caso das subvencións aos medios que non empregan o galego.
É unha mágoa pero non acho diferencias importantes entre a política lingüística da Xunta de Fraga e a actual.
O papel do BNG é incómodo. Móvese entre a lealdade ao socio e a discrepancia.

Alberte disse...

Creo que se nota que me fode especialmente que se tiren os cartos ó lixo. A función do goberno é precisamente empregar do mellor xeito posible a pasta do contribuínte, e neste caso e noutros non se está a facer.

Anónimo disse...

Coincido contigo Alberte. E a política de "normalización lingüística" é un paradigma de diñeiro mal gastado. Non porque non sexa necesario que si o é, senón porque non cumpre os obxectivos que di cumprir.
Un saúdo.