(IIºMANIFESTO)
(Hoxe refundamos o NOOREVOLUTIOSFERISMO)
Por: [Óscar Lomba Álvarez] *
--------------------------------------------------------------------------------
Ansiamos entoar a balada do odio ao opresor, a experiencia de desaprender, o costume de sublevarnos a diario. O quefacer do atrevemento cotián e o arroxo reincidente.
A resolución para atravesar o muro de cristal blindado, a coraxe e a rebeldía serán mecanismos cardinais da nosa lírica.
A linguaxe literaria entronizou ata hoxe a inactividade da reflexión, a elevación e a sedución, nós ambicionamos enxalzar a axitación camorrista, o alleamento e o delirio, a vixilia atormentada, a persecución abouxada e tarabela, a acrobacia deleteria, a frecha na diana e o dardo no albo.
Afirmamos que non é no espazo virtual onde ocorren todos os fenómenos do pensamento e a intelixencia. A grandiosidade do universo enalteceuse cunha ousadía e gallardía nova: a fascinación da insurrección. Unha multitude de homes e mulleres ataviados con roupaxes multicolores e portando bandeiras coas cores do arco da vella, efervescencia, ebulición da espuma de champaña, lume de labras fumarentas, explosión de fogosidade xuvenil... unha barricada de ferros retortos e colectores incendiados onde se parapetan os obreiros do Naval que chuspe unha metralla intermitente de parafusos e cócteles molotov é máis persuasivo que a “A Liberdade guiando ao pobo” de Eugène Delacroix.
Procuramos empoleirar aos humanos de mono azul que portan as rosadas bandeiras. Os obreiros cuxos fantásticos tirabolas lanzan poderosos parafusos de aceiro refulxente que franquean a pantalla global, porcas metálicas atravesando a bóveda celestial, roscas e arandelas impactando sobre o alienante cristal iluminado que salta en anacos. O resplandecente visor convertido en miles de cegadores vidros esparexidos.
Concibimos ao trobador vehemente, infortunado e austero, rebelde e decidido a estender o alporizamento, o arrebato e o ardor. Un xograr con fervor proletario, un rapsodo con ollada cómplice, unha copla subversiva ou só un berro insurxente.
Non hai perfección senón na disputa. Ningunha novela, poema, canción, pintura ou película, ou calquera outra creación artística sen espírito axitador pode ser considerada unha obra verdadeiramente artística. A poesía ten que ser ideada como unha incitación á liorta contra as forzas represivas, os versos deben sacudirnos as entrañas e encirrarnos a alma, abelloarnos o espírito.
Habitamos unha choupana nun elevado penisco, un cantil ao bordo do cavorco, ao pé do precipicio, desexamos arroxarnos desde o alto dun farallón, desde o arrecife máis elevado do planeta!
Queremos modificar o espazo urbano. Gustaríanos recuperar a urbe para a cidadanía. Aí fóra, nas rúas, avenidas, prazas, nos xardíns e parques, nas fábricas, vivendas habitadas, nos obradoiros abandonados, na cidade, na urbe, metrópole ou vila o que atopamos é unha vida colectiva que só pode ser observada no instante preciso en que emerxe, posto que está destinada a disolverse de contado. Nos exteriores urbanos non hai obxectos -como diría Manuel Delgado, profesor de antropoloxía social na Universitat de Barcelona- senón relacións diagramáticas entre obxectos, bucles, nexos sometidos á excitación permanente. Non é un esquema de puntos, nin un marco baleiro, nin un envoltorio, nin tampouco unha forma que se lle impón aos feitos, como pretenderían os urbanistas. Sería máis ben unha mera actividade, unha acción interminable cuxos protagonistas son eses transeúntes que reinterpretan a forma urbana a partir dos estilos con que se apropian dela? Estamos convencidos de que o contexto e o suxeito son elementos discursivos, de modo que acaban converténdose en marcos interpretativos o un do outro. Cremos que cada espazo organízase cunhas regras concretas, cun «argumento» e cun protagonista co que, suponse, debemos identificarnos.
É no exterior urbano, imaxinémolo como un claustro materno, onde os cidadáns-fetos procuran e, ás veces, atopan lugares, espazos provisionais que chegan a considerar propios en tanto que apropiados? Ese espazo mutable está dividido en tantos espazos como individuos ou grupos de individuos? Son os espazos urbanos, entón, patrimonio non de quen os posúen, senón de quen os ocupa para usalos e só en tanto os usa? É a propiedade dos elementos e espazos urbanos -ou debería selo- inconcibible e só se dá como unha dinámica infinita de colonizacións transitorias?
A única resposta posible é a que daría unha artista como Carme Nogueira: “A ocupación efémera do espazo ou a súa colonización temporal é a que dá sentido aos lugares”.
Por que temos que emigrar ou asilarnos se o único importante é demoler as abafantes e enlouquecederas fiestras que nos manteñen enclaustrados nesta urbe infernal?
Unha Época, un Mercado e un Territorio que sucumbirán ao amencer. Coexistimos co despótico baleiro, porén xa podemos concibir a imperecedoira acción histórica que dinamiza a revolución permanente.
Nos hipnotiza ese desequilibrio confuso, enredado, caótico, pero prodixioso, entre o ecosistema urbano e rural. Exaltamos unha nova forma de urbanismo: o “modelo rururbano vigués”. Un desequilibrio -dotado de fermosura e graza- entre o campo e a cidade.
A nosa visión artística forxouse coas nosas vivencias cotiás nos arrabais e suburbios, pero tamén no propio centro do casco vello. Curtímonos en numerosas manifestacións, tumultos, alborotos, barafundas e algaradas rueiras.
Cobizamos enaltecer o motín sedicioso, a insurxencia implacable, a insurrección popular, a conspiración universal, a rebelión das masas -única vía para sanear o noso consumista modo de vida-, a sublevación revolucionaria, o impudor afastado da frivolidade burguesa, o espavento demoledor que derrube pertinaz as estúpidas modas pos-modernas, os fascinantes arquetipos anti-capitalistas para os cales estamos dispostos a dar o mellor da nosa vida e a levantar a repulsa colectiva fronte a toda clase de viláns, miserables, explotadores, corruptos e machistas maltratadores.
Queremos destruír as catedrais do consumo, os supermercados, as tendas de moda, os locais de música alienante e combater a trivialidade, a trapallada, a chilindrada e toda clase de bobadas pequeno burguesas. Detestamos o pragmatismo e as comenencias oportunistas.
Corearemos A Internacional con melodía rapera e clamaremos con megáfonos convocando á revolta. Aboliremos as sirenas en toda clase de fábricas, cárceres, psiquiátricos e universidades. Fornicaremos todo o día e nos aparearemos en público polo pracer de exhibirnos. Estenderemos a desorde e encheremos as paredes con rechamantes pintadas de sprays multicolores entrementres ateigamos a cidade de panfletos provocadores.
Manifestarémonos polas rúas e prazas da vella Europa, seremos unha marea humana policromada e vociferante. Entoaremos cánticos obscenos mentres o turbado público observa a intensidade das nosas buliciosas charangas noctámbulas. Moitos uniranse á nosa protesta e as nosas lambereteiras bocas voraces tragaranse sabres, píntegas, sapos e cobras. Nos concertos ao aire libre a multitude vibrará ao ritmo da música de Joy Division e se cambaleará do ceo pendurada das luces, das faíscas luminosas dos reflectores e escintilantes raios láser que colgan das nubes polos fíos dos seus luminosos escintileos de cores; a xente danzará, tamén, nas bateas mexilloeiras semellantes a xigantescos cachos de pan aboiando sobre a azulada sopa mariña; bailarán nos barquiños de pesca que penetran tímidos na ría Viguesa uliscando os aromas tentadores da cidade olívica, mexerase nos guindastres de metal que son en realidade titánicas canas de pescar que se pasan o día movéndose dun lado cara outro coas súas enormes sedelas férreas e os seus aceirados anzois; tremerán no interior dos autobuses articulados que se desprazan lixeiros arrastrándose a rentes do chan porque son potentes eirugas, lombrigas e miñocas cinéticas cadradas con rodas que pisan impávidas as calzadas urbanas porque son, tamén, enormes porcos metálicos con fiestras encaixadas nos seus costados e que no canto de gruñir lanza asubíos de bucina.
É desde Galicia desde onde proxectamos ao planeta este manifesto e así chuspimos o noso ímpeto revolucionario, arrebatador e incendiario. Co noso explosivo texto refundamos hoxe o "NOOREVOLUTIOSFERISMO", porque queremos liberar esta Nación (e ao conxunto da civilización) da nauseabunda ideoloxía neo-liberal. Estamos fartos de tanta bagatela pequeno-burguesa, aspiramos a reducir á afonía para sempre a ese efluvio retrógrado que impregna coa súa perniciosa seudo-erudición malsán ao conxunto do corpo social desde conferenciantes necios, catedráticos parvos e babecos, profesores babiolos, intelectuais infames e artistas badulaques ata unha fauna variada de articulistas con mentes podrecidas.
Non refugamos da nosa cultura clásica mais defendemos a combinación entre dinamismo estático e estatismo dinámico. Para nós a arte debe procurar unha permanente e profunda renovación nos contidos, nas maneiras, formas e canles de expresión. A nosa arte non é so unha arte de vangarda senón que tamén é unha arte de masas e de retagarda. Achamos imprescindible a creación de novas organizacións e agrupacións artísticas que favoreza a creación de xigantescas obras colectivas e a difusión de novas creacións que axuden a renovación da nosa arte. É urxente unha explosión de exposicións, eventos, publicacións, follas voantes, panfletos e novos manifestos que dinamicen novas tendencias que combatan o neoacademicismo, ao novos estereotipos e clixés imperantes e sirvan de revulsivo para determinados circuítos artísticos. Xa está ben de tanta imitación. Estamos cansos de esquemas, perspectivas excesivamente enfocadas e obxectos demasiado definidos. Procuramos outras formas mais difusas que favorezan unha interacción mais horizontal entre o artista e o espectador partindo dunha arte fragmentaria, indefinida, inestable, plural, aberta, inacabada, subxectiva. Gústanos o aforismo, a poesía colage e palimpséstica. A arte é a estética e tamén a ética. Procuramos cambiar a arte pero tamén o mundo. Somos a terceira xeración ou a cuarta. O noso tamén é un rupturismo co fauvismo, expresionismo, cubismo, futurismo, dadaísmo, surrealismo, neoplasticismo, raionismo, suprematismo, constructivismo e outras desfasadas tendencias como o expresionismo abstracto, pop art, minimal art, arte de acción, arte conceptual…Moitos dos que foron os nosos referentes desde Os novos ata as tendencias de hoxe seguen a iluminar o noso camiño mais é necesario seguir a pescudar novas formas expresivas que axuden a mudar a arte galega e universal. Bebemos de xente como Maruja Mallo, Eugenio Granell, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xabier C. Corredoira e Antón Lamazares mais tamén nos embriagamos con Arturo Fuentes, Amalia González Reyes, Antón Cabaleiro, Antía Moure, Álvaro Negro, Carme Nogueira…
Xa durante demasiado tempo Galicia foi sempre considerada a terra das vacas, meigas, santas compañas ou "o cabaré sobre o paraíso perdido", como diría Manuel Lourenzo. Nós aspiramos a transformala noutra Galicia, unha Nova Galiza renovada (diferente á soñada pola revista dirixida por Rafael Dieste e distinta, tamén, á pensada pola revista editada polo Foro Cívico Galego de Barcelona), porén loitaremos decididamente para construír un País Revitalizado. Non imos fuxir da nosa Galicia dos innumerables mitos e pantasmas que a percorren converténdoa nun universo de camposantos incontables. Mais achamos que moitas ideas trasnoitadas deben ser superadas (conservando só o que nos fai máis humanos), porén o ulterior deberá ser hixienizado por unha renovada reflexión agrupada que nos libre definitivamente desa caduca e desfasada ideoloxía que arrasa, deturpa, empobrece e aliena a mente colectiva.
VIGO, 28/09/2010
*Óscar Lomba foi o redactor do Iº MANIFESTO NOOREVOLUTIOSFERISTA que foi publicado no Xornal galego A Peneira e en outros medios escritos de Galicia.
A Galipedia e o vandalismo (V)
|
quarta-feira, setembro 29, 2010
Creación do artigo Manifesto Noorevolutiosferista:
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
4 comentários:
Non se lle poden negar ecos do Manifesto Futurista de Marinetti. Saúdos
A verdade é que nótase que non está feito ás toas, senón que está ben pensado. Mesmo estou de acordo nalgunhas cousas.
I love ceibarse.blogspot.com! Here I always find a lot of helpful information for myself. Thanks you for your work.
Webmaster of http://loveepicentre.com and http://movieszone.eu
Best regards
The NIKE LeBron St Low is a new casual oriented sneaker from the LeBron James signature. This series of shoes bottom used in air sole cushioning mattress, outsole used the XDR wear-resisting rubber, vamp adopts large net surface and air holes, ensure shoe breathable, low to help design also ensures that normally wear comfortable. It wrapped around your foot perfectly. The whole palm SOLE feel ing is very comfortable and stick ; the thickness of the SOLE and grain is quite deep, which was coincidenced to the original design intention of durability.
Enviar um comentário