"As letras fuxen, esquécense, pero hoxe conseguín pór parte de min nesta proclama."

Premios Nacionais de Cultura Galega

| sábado, maio 10, 2008
A Peneira, abril 2008.

Premios Nacionais de Cultura Galega


A Consellaría de Cultura vén de convocar os I Premios Nacionais da Cultura Galega, uns premios entregados pola Xunta de Galicia que pretenden galardoar ás persoas ou colectivos que salienten no enriquecemento da nosa cultura. Para ilo creáronse dez categorías: Arquitectura e espazos públicos, Artes visuais, Artes escénicas, Literatura, Música, Patrimonio cultural, Pensamento e cultura científica, Cine e audiovisual, Iniciativa cultural e Cultura tradicional e de base. Cada premiado recibirá 15.000 euros, e estes anunciaranse no mes de xuño, elixidos por un xurado formado por quince persoeiros do ámbito cultural galego.

É unha boa iniciativa entón, xa que aínda que hai minifundismo de premios non había ningúns deste estilo, con tanta proxección e abranguendo o amplo espectro da cultura. Nótase que a consellaría inspirouse nos Premis Nacionals de Cultura, entregados en Cataluña dende 1995, aínda que alí as categorías son dezaseis. Entre os premiados cataláns inclúense persoeiros da magnitude de Antoni Tàpies, Bigas Luna, Pere Gimferrer e o Diario AVUI entre moitos outros.

Só agardo que, de voltar o PP á presidencia da Xunta, estes premios non se convertan noutro apaño, como eran as Medallas de Ouro de Galicia, entre cuxos honorables premiados na época Fraga atópanse Rouco Varela, a AVT ou Francisco Álvarez Cascos (despois da súa actuación na catástrofe do Prestige). Espero, pois, que estes Premios Nacionais proxecten a nosa cultura internacionalmente, e os premiados séxano por méritos propios, cousa que non dubido que vai pasar. Xa de paso aproveito para propoñer algúns candidatos a título persoal: en literatura a Xosé Luís Méndez Ferrín, en música a Luar na Lubre, e en iniciativa cultural a don Isaac Díaz Pardo, de quen xa abondei nas súas cualidades nunha colaboración anterior.

2 comentários:

Vixía disse...

Xa viña chegando o tempo...
Saúdos! Descubrín este blog e quería dicirlle que me compraceu situalo na categoría de "Homónimos" (salvando as distancias) por tratarse dunha outra xanela da cultura galega. Non en van, xa o viña lendo dende hai tempo e transmítolle os meus parabéns. Espero que vostede tamén desfrute dos acontecementos galegos da Vixía de Suviña. Abur!

Ninsesabe disse...

A ver se fora certo...Copiar dos cataláns, en algunhas cousas, pode non estar mal de todo.
Dijo eu
¿Ou non?